publicidade hoxe

Cores Tourís visita o CEIP Viñagrande de Vilanova de Arousa para comprobar os danos causados pola rotura dunha tubaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Viñagrande de Vilanova de Arousa co obxectivo de comprobar os danos causados pola rotura dunha tubaxe nun baño da planta superior que provocou importantes filtracións de auga.

O delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Gonzalo Durán, así como polo equipo directivo do centro.

Tal e como puido constatar José Manuel Cores Tourís, o problema xurdiu trala ruptura dun pequeno tubo flexible que conecta un lavabo coa rede nun dos aseos da planta superior durante a pasada noite.

“Por sorte, o conserxe detectou o problema sobre ás dez da noite e puido cortar a auga”, explicou o delegado territorial, quen engadiu que “pese a todo, as filtracións foron importantes cara ao andar inferior, polo que caeron varios dos falsos teitos e danáronse os rodapés”.

Ao longo desta mañá achegáronse ata o centro responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial para facer un informe que será remitido ao seguro do colexio. Por outra banda, o concello de Vilanova xa enviou operarios que están a retirar os falsos teitos caídos, limpar o centro e colocar unha nova tubaxe en lugar da que resultou danada.

Para poder levar a cabo estes traballos e para garantir a seguridade dos membros da comunidade educativa, a Xefatura Territorial de Educación deu orde de suspender as clases no día de hoxe.

16 de maio de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.