publicidade hoxe

Convócanse os Premios Artesanía de Galicia 2018 en recoñecemento ao talento dos profesionais galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2018, que teñen como obxectivo recoñecer o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, ademais de impulsar o relevo xeracional no sector. Os galardóns contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2018, dotado con 6.000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4.000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio.

Este certame contribúe a poñer en valor o sector artesanal galego; así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, impulsar o relevo xeracional así como apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

A través da Bolsa Eloy Gesto a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2018.

O xurado estará presidido pola directora xeral de Comercio e Consumo ou a persoa na que delegue; como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio; e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, que participará con voz pero sen voto. O fallo dos Premios Artesanía de Galicia 2018 farase público nun acto que se celebrará no mes de decembro deste ano.

22 de maio de 2018 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.