publicidade hoxe

Cinemas de Galicia arranca a súa nova carteleira en Bueu con 19 proxeccións en seis concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inicia este venres en Bueu a primeira quenda de programación para 2018. Será no Centro Social do Mar coa proxección, ás 21,00 h., de Santoalla, a primeira das 19 que terán lugar entre os meses de maio e xuño en seis dos concellos asociados este ano, con Cangas como nova incorporación.

Ademais do documental sobre o asasinato do holandés Martin Verfondern na localidade ourensá que lle dá título á fita, o público de Bueu poderá gozar o 1 de xuño de Verán 1993, a premiada ópera prima de Carla Simón. Ambas películas foron presentadas este mediodía nunha rolda de prensa na que interviñeron Xosé Leal, concelleiro de Cultura deste municipio pontevedrés; Jacobo Sutil, director da Agadic; e Alba Sotelo, presidenta do Cineclub Bueu, que participa activamente na iniciativa.

Jacobo Sutil explicou que Cinemas de Galicia naceu en 2014 como un proxecto impulsado pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coas administracións locais, produtoras galegas e empresas distribuidoras de cine na nosa Comunidade. “Despois destes primeiros anos, Cinemas de Galicia inicia o camiño da súa consolidación a través dunha rede de oito municipios membros (ademais de Bueu, Allariz, Cangas, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove) e dun calendario de proxeccións deseñado por cada concello sobre o catálogo de 20 películas galegas e internacionais que lles oferta a Agadic”, sinalou.

Carteleira completa

Nestes dous primeiros meses da programación de 2018, serán nove os títulos que chegarán ás pantallas do circuíto en seis dos devanditos concellos: ademais das películas programadas en Bueu, tamén se poderán ver Vigo 1972, de Roi Cagiao, en Cangas (18 de maio); Moitos fillos, un mono e un castelo, de Gustavo Salmerón, en Cariño (5 de maio), O Grove (26 de maio) e Celanova (3 de xuño); A libraría, de Isabel Coixet, en Celanova (11 de maio), O Grove (12 de maio), Cariño (19 de maio) e Cedeira (3 de xuño); O fillo de Bigfoot, de Ben Stassen e Jeremy Degrusson, en O Grove (6 de maio), Cedeira (20 de maio) e Cariño (2 de xuño); O autor, de Manuel Martín Cuenca, en Cariño (9 de xuño), Celanova (10 de xuño) e O Grove (24 de xuño); Handia, de Aitor Arregi e Jon Garaño, en Celanova (19 de maio); e Lady Macbeth, de William Oldroyd, en Celanova (25 de maio) e O Grove (2 de xuño).

Ademais destes títulos, tamén forman parte do catálogo de Cinemas de Galicia outros 11 filmes que serán susceptibles de entrar no circuíto a partir de setembro. Moitos deles foron galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional. Do mesmo xeito, moitas das producións galegas presentes no circuíto obtiveron recoñecementos importantes, como é o caso de Mimosas, de Oliver Laxe, ou Dhogs, de Andrés Goteira.

Quinta edición

Na súa quinta edición, Cinemas de Galicia mantén os mesmos obxectivos cos que botou a andar en 2014. Por un lado, búscase ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, por outro, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa Comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegar a sétima arte a concellos que non teñen dispoñibles salas comerciais nestes momentos.

2 de maio de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.