publicidade hoxe

Celébrase o primeiro aniversario do punto de atención á infancia de Valdoviño que facilita a conciliación de 13 familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaValdoviño
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou hoxe o obxectivo de seguir estendendo e mellorando os recursos de conciliación durante a visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) do municipio coruñés de Valdoviño, que na actualidade dá servizo a 13 nenos e nenas e que nestas datas cumpre un ano de funcionamento. “Queremos que Galicia continúe á vangarda das comunidades autónomas que maiores facilidades ofrecen ás familias para ser pais e nais”, apuntou o responsable da área social do Goberno galego.

Neste sentido, o conselleiro destacou o reforzo da colaboración coas entidades locais para, entre outras actuacións, adecuar os seus centros de atención á primeira infancia. Así, no caso do PAI de Valdoviño, a Xunta destinou no 2016 máis de 6.000 euros para o seu mantemento e mellora a través da orde de axudas para este tipo de recursos de conciliación. En concreto, a Consellería financiou a adquisición e mellora do equipamento do centro e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula. “Queremos que as instalacións para os nenos e nenas galegos sexan as mellores, xa que este tipo de recursos son moi importantes tanto para a conciliación como dende o punto de vista da educación”, manifestou. Cómpre destacar que esta orde de axudas contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros para os anos 2016 e 2017, unha cantidade que chegou a 136 escolas en toda Galicia.

O conselleiro indicou que o compromiso da Xunta “é ofrecer aos pais e nais máis recursos para a conciliación, porque aspiramos a que Galicia siga a ser unha das comunidades con maiores atencións ás familias e á infancia”. Ao respecto, engadiu que “a conciliación constitúe un eixo central nas políticas sociais de Galicia”, de aí a posta en marcha de iniciativas como as casas niño, o bono coidado ou a apertura de escolas infantís en parques e polígonos industriais.

Nesta liña, Rey Varela destacou o incremento por terceiro ano consecutivo do número de prazas públicas ou financiadas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos. De tal xeito que Galicia contará no vindeiro curso escolar 2018-2019 un total de 24.081 prazas, superando de novo a ratio de cobertura aconsellada pola Unión Europea ao alcanzar o 41%.

14 de maio de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.