publicidade hoxe

Beatriz Mato: “a implicación dos máis novos na construción dos espazos é unha garantía de calidade de vida”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+
Beatriz Mato en Ludantia

Beatriz Mato en Ludantia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que implicar as xeracións máis novas na calidade das construcións dos espazos que habitamos é unha garantía de mellora de calidade de vida, pois un mellor coñecemento tradúcese nun mellor respecto pola ordenación urbanística.

Así, o puxo de manifesto esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na inauguración de Ludantia, I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), en colaboración coa Xunta de Galicia.

Mato Otero explicou que a construción do espazo común é o resultado dunha acción colectiva que debe estar baseada no respecto polo patrimonio herdado, ao tempo que ten que ser compatible co impulso innovador e de transformación que acompañan as novas xeracións. Engadiu que esta acción transformadora dos espazos debe estar cimentada no coñecemento crítico do pasado, no compromiso responsable coa construción do presente e a xenerosidade necesaria para non hipotecar de xeito irreversible os espazos futuros das novas xeracións.

Destacou que desde hai 18 anos, grazas ao Proxecto Terra nos que se leva investido 2,3 millóns de euros, vense traballando para chegar a todos os escolares galegos dende as idades máis temperás, implicando ao profesorado de cada un dos niveis educativos. Desde a súa posta en marcha ata hoxe, o programa foise modificando e axeitando a oferta de actividades, que xa suman máis de 1.000 actividades complementarias nas que participaron preto de 47.500 alumnos de secundaria.

“Conectar con novos públicos e internacionalizar este proxecto son retos para o 2018”, citou a conselleira; por iso o convenio do Proxecto Terra -asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o COAG- establece incorporar a Educación Infantil na oferta de actividades complementarias; mentres que o segundo dos retos “xa está acadado coa celebración de Ludantia” e os datos de participación, con 18 proxectos galegos, a maior participación dun país ou comunidade nesta Bienal, que conta con 89 proxectos de 19 países, aclarou.

Mato Otero defendeu unha vez máis a formación como ferramenta para a protección do patrimonio urbanístico e paisaxístico. Nese senso, o Goberno galego traballou para implantar, xa dende o próximo curso académico, un novo Grao Interuniversitario en Paisaxe, co que se dará outro paso fundamental para situar a paisaxe no lugar que se merece.

Deste xeito -resumiu- consolídase o respecto pola arquitectura e a paisaxe no eido educativo no relativo á Educación Infantil, Primaria e Secundaria, que é o obxectivo fundamental de Proxecto Terra.

10 de maio de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.