publicidade hoxe

As prazas de abastos coruñesas súmanse á campaña Quere o teu mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a praza de abastos de Elviña no marco da iniciativa Quere o teu mercado, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e na que participan un total de 86 prazas e mercados de toda a comunidade.

A Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos galegos, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo en Galicia, por cuarto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.

En total 3.000 praceiros e praceiras de toda a comunidade organizan todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado.

Ademais, a iniciativa, que se celebra en colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras e os concellos, culminará este vindeiro sábado 26 de maio o Día do Mercado. No caso da cidade da Coruña, a festa estará animada por actuacións de gaiteiros e pandereiteiros. Tamén se agasallará aos clientes con material promocional da campaña. Ademáis, as prazas que forman parte da Federación de prazas de abastos de Galicia (Fepragal) organizan o II Concurso Fotográfico Quere o teu mercado.

A campaña Quere o teu mercado, que este ano se celebra baixo o lema Preto do teu corazón, busca atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. Trátase de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market) está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos. A información da campaña pódese atopar na páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado.

24 de maio de 2018 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.