publicidade hoxe

As bandas galegas Alto Volta, Inerttes e La Cloaka Sound & J.C.A. tocarán en varios festivais de verán tras gañar o concurso ‘Sonidosmans’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O concurso para bandas emerxentes SonidosMans, organizado pola Fundación Paideia Galiza co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), anunciou hoxe os seis grupos que foron elixidos entre 330 de toda España para seren incluídos nos carteis de oito festivais galegos.

As bandas seleccionadas nesta segunda edición do certame son as pontevedresas Alto Volta, que tocará en Portamérica e no Atlantic Fest; Inerttes, en Vive Nigrán; e La Cloaka Sound & J.C.A., en O Marisquiño, xunto con The Niftys (Albacete), en O Son do Camiño; DOÑA (Navarra), en Sinsal Son Estrella Galicia; e The Dawlins (Madrid), no Revenidas e no Festival da Luz.

Foi un xurado designado por cada un dos eventos colaboradores o encargado de decidir que bandas, de entre 25 finalistas, formarían parte da súa programación. Nunha fase previa, a xornalista musical Paula Quintana, directora e presentadora do programa Capitán Demo de Radio 3, encargouse de seleccionar 50 propostas entre as 330 que se presentaron de toda España, principalmente de Galicia (134), Madrid (60), Andalucía (33) e Cataluña (26).

A continuación, abriuse unha fase pública na plataforma www.sonidosmans.com, a través da que se emitiron preto de 50.000 votos que decidiron as 25 bandas emerxentes propostas aos festivais. Estes seleccionaron, así mesmo, cadanseu grupo de reserva, entre os que tamén se atopan outros dous galegos: Vuelta y Media (Pontevedra) para Vive Nigrán e Fábrica de Espejos (Lugo) para O Marisquiño.

Esta iniciativa de apoio a formacións e artistas emerxentes enmárcase na liña de colaboración que a Agadic mantén coa Fundación Paideia-Estudios Mans co obxectivo de poñer en valor o emprendemento e a creatividade no ámbito musical. Neste caso, a través dun certame que lles ofrece ás bandas gañadoras a oportunidade de gravar nun estudio profesional e de compartir cartel con grandes figuras internacionais.

15 de maio de 2018 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.