publicidade hoxe

As axudas para adquirir nova maquinaria en empresas forestais pódense solicitar ata o 28 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou hoxe en Valga a empresa Serrerías Rodríguez, onde puxo en valor a convocatoria de axudas da Xunta, que aínda está aberta, para apoiar ás empresas forestais na adquisición de nova maquinaria. Esta liña de apoios, que se pode solicitar ata o 28 de maio, está dirixida a microempresas e pemes do sector forestal para a compra de investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.

Lema explicou, na visita á compañía, que conta con 65 empregados, unha facturación aproximada de 13 millóns de euros e 60.000 metros cúbicos de madeira aserrada, que as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria contan cun orzamento de máis de 8,1 millóns de euros co obxectivo de que se beneficien delas preto de 200 pemes. Estímase con esta iniciativa unha mobilización de máis de 24 millóns de euros na economía forestal de Galicia porque, en palabras de Lema, permitirá ás empresas investir en mellores infraestruturas para ser máis competitivas.

Lema sinalou que o sector da transformación e comercialización de produtos forestais está considerado como un dos ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento económico da zona rural e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. Trátase dun eido con potencial de crecemento e con capacidade de xerar novas oportunidades nesta industria e que xa representa o 2% do PIB galego, un 2,3% do emprego e conta con 4000 empresas de primeira e segunda transformación, que facturan máis de 2000 millóns de euros ao ano.

Por iso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal indicou que a Xunta aposta por esta industria e, deste xeito, ademais de desenvolver un espazo coworking, no que o forestal ten un especial protagonismo, e crear a Axencia, activou nos catro primeiros meses do ano un total de 20M€ en axudas relacionadas co forestal a través destes apoios para a adquisición de nova maquinaria; o Aprol Rural; e os obradoiros duais, que combinan formación e contratación nas empresas.

Lema, así mesmo, apuntou que a creación da Axencia Galega da Industria Forestal responde aos obxectivos do Goberno galego para incrementar o valor dos produtos de toda a cadea forestal; fomentar novas empresas e a creación de emprego; impulsar a innovación tecnolóxica; e ampliar a presencia da industria en novos mercados.
Para rematar, o director da Axencia puxo en valor as convocatorias de axudas da Xunta para apoiar proxectos piloto 4.0 e plans de aforro enerxético, uns apoios dos que resultou beneficiaria a empresa Serrerías Rodríguez. A compañía, afincada en Valga, e que exporta a países como Francia, Italia, Portugal e Alemaña, desenvolveu, grazas ao financiamento da Administración autonómica, un plan que supuxo a robotización dunha liña de produción de tacos de madeira e un centro automático de enderezado de serras. Ademais, a empresa produce enerxía fotovoltaica utilizando un sistema ecolóxico de enerxía renovable.

9 de maio de 2018 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.