publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca o auxe nos últimos anos pola produción de mazá para sidra en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendarioLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que a produción de sidra en Galicia “está en auxe” e que “cada vez son máis os agricultores que apostan pola mazá natural e ecolóxica como forma de diversificar os aproveitamentos no agro”. Fíxoo na presentación da sétima edición da Feira da sidra que se celebrará o vindeiro sábado día 2 de xuño na localidade pontevedresa da Estrada.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo alcalde estradense, José López Campos, salientou que esta tendencia “resulta especialmente importante no caso da Estrada”, onde nos últimos cinco anos incorporáronse un total de 19 persoas ao ámbito da froiticultura de mazá de sidra e 11 deles solicitaron axudas de Medio Rural para impulsar este tipo de actividades.

A presentación da festa tivo lugar nas instalacións de Sidra Natural Peroja e a conselleira felicitou os responsables desta empresa “polo seu labor a prol das producións agroalimentarias propias da contorna”. Puxo en valor, ademais, o feito de que comercializan arredor de 5.000 litros de sidra ecolóxica ao ano.

Este tipo de actividade, sinalou a conselleira, contribúe de xeito moi importante á dinamización da economía local, coa conseguinte creación de riqueza e emprego, e favorece tamén a fixación da poboación que –lembrou– constitúe un dos grandes obxectivos da Xunta dentro das súas políticas para o rural.

Ángeles Vázquez manifestou ademais que este aproveitamento sustentable da riqueza natural de Galicia “constitúe unha das claves de futuro do noso agro, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social”. Por iso, engadiu, a Xunta fomenta, entre outras estratexias, “as canles curtas de comercialización e o equilibrio en toda a cadea de valor da produción agroalimentaria”, baseándose na colaboración público-privada para acadar estes obxectivos.

Feira da sidra

A VII Feira da Sidra Natural e Ecolóxica da Estrada contará coa participación de lagares nacionais e internacionais (de Alemaña, Francia, Inglaterra e Portugal). As degustacións do produto exaltado complementaranse con outras actividades de carácter cultural e con diferentes actuacións e concertos.

 

22 de maio de 2018 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.