publicidade hoxe

A Xunta reduciu nun 26% os prazos de resolución de procedementos grazas ao Plan achega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta conseguiu reducir nun 26,5% os prazos medios de resolución dos procedementos grazas á implantación do Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega). Deste xeito, a Administración autonómica deu cumprimento ao compromiso dos estados membros da Unión Europea de reducir as súas cargas administrativas nun 20%.

O Goberno galego vén de presentar en Madrid esta experiencia como exemplo de boa práctica en innovación pública, calidade dos servizos e goberno aberto, no marco dun encontro impulsado polo Ministerio de Facenda e Función Pública con ocasión da Semana da Administración Aberta.

O obxectivo do Plan Achega foi conseguir unha relación máis simple, rápida e fluída entre a administración e a cidadanía aproveitando as vantaxes que brindan as novas tecnoloxías e os medios electrónicos. Neste proceso, ten especial relevancia a implementación e mellora constante da Sede Electrónica da Xunta

Para conseguir aplicar as melloras obxectivo do Plan Achega, a Administración autonómica realizou unha análise pormenorizada de todos os procedementos, eliminando a necesidade de presentar aqueles documentos que non foran estritamente necesarios; e substituíndo outros -sempre que fose posible- pola comprobación de datos a través da interoperabilidade, ben interna da Xunta como con outras administracións.

Ademais, durante este proceso, tamén se procedeu a revisar as normas reguladoras dos distintos procedementos, así como a homoxeneizar a súa tramitación.

En definitiva, o proceso iniciado co Plan Achega supuxo un cambio fundamental na tramitación dos distintos procedementos autonómicos, facilitando á cidadanía instrumentos que axilizan e simplifican a relación coa Administración.

10 de maio de 2018 | 15:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.