publicidade hoxe

A Xunta participa nas xornadas sobre o programa Irei, inspirando ás rapazas para estudar enxeñería

Xornadas sobre o programa Irei

Xornadas sobre o programa Irei

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou esta mañá nas Xornadas sobre o Programa Irei, Inspirando ás rapazas para estudar Enxeñería, que tiveron lugar na sede do Consorcio da Zona Franca en Bouzas, e contou coa asistencia da vicerreitora de estudantes da Universidade de Vigo e da delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, ademais da experta da Unidade de Muller e Ciencia, Edita de Lorenzo.

López Abella felicitou os promotores da Xornada, xa que segundo explicou é necesario fomentar as vocacións científico-tecnolóxica entre as rapazas, e o Goberno galego considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

A titular de Igualdade relatou que a igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida, polo que é necesario promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no campo da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.

Ase mesmo, lembrou que o Goberno galego ten en marcha o II Programa galego de Muller e Ciencia 2016-202, co obxectivo de seguir avanzando na igualdade real no campo científico. Este programa elaborouse cun grupo de traballo integrado por representantes das áreas da Xunta dedicadas ás Universidades, ás TIC, ao I+D e ao traballo pola igualdade.

7 de maio de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.