publicidade hoxe

A Xunta fomenta o voluntariado social con certificados que acreditan as competencias adquiridas na experiencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolGaliciaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, louvou hoxe o traballo que desenvolve a Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzhéimer de Ferrolterra (AFAL) durante unha visita á sede da devandita entidade na que estivo acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez. O motivo desta visita foi a entrega dos certificados de experiencias voluntarias aos participantes que se implicaron no proxecto denominado ‘No Alzhéimer, conta comigo’, que contou co apoio do departamento autonómico.

A través desta proposta, AFAL promoveu a capacitación do voluntariado, a colaboración deste no labor de sensibilización social, así como a súa implicación nas actividades na rúa e na propia entidade. En concreto, o proxecto ‘No Alzhéimer, conta comigo’ tivo como fin principal axudar a manter o máximo tempo posible os lazos sociais e as relacións da persoa afectada por esta patoloxía coa súa contorna, o que fixo posible ademais reducir a carga emocional das persoas coidadoras e mellorar o seu estado anímico.

Así, esta iniciativa na que participaron catro voluntarios permitiu apoiar a preto dun centenar de beneficiarios directos e 238 indirectos nun área especialmente sensible que a Xunta quere potenciar por entender que se enmarca claramente entre os obxectivos primordiais da acción voluntaria para mellorar a calidade de vida da comunidade. Actualmente están diagnosticadas de Alzhéimer 63.000 persoas en Galicia, o que supón para elas vivir unha situación de vulnerabilidade, indefensión e illamento paulatino que se pode mitigar a través da acción voluntaria, entre outras intervencións.

En declaracións aos medios de comunicación, Rey Varela garantiu a continuidade do apoio a AFAL Ferrolterra, encargada desde fai oito anos da xestión do centro de día de alzhéimer que a Xunta de Galicia ten en funcionamento en Ferrol con 40 prazas de capacidade e ao que destina máis de 350.000 euros por exercicio. Neste sentido, insistiu en poñer de relevo a importante labor desta entidade na procura da mellora da calidade de vida das persoas con alzhéimer e as súas familias.

Por outra banda, e coincidindo co motivo da visita desta mañá, o conselleiro destacou o feito de que AFAL Ferrolterra conte dende a súas orixes cun grupo de voluntariado moi implicado que mesmo participa na atención directa ás persoas usuarias dos servizos e programas da entidade. Ao respecto, apuntou que “o benestar das persoas con alzhéimer tamén depende da toma de conciencia por parte do conxunto da sociedade”.

Galicia, a máis solidaria

Así mesmo, Rey Varela sinalou que Galicia está entre as comunidades autónomas máis comprometidas e con maior índice de participación en materia solidaria, segundo apunta o Observatorio da Plataforma Estatal do Voluntariado. De feito, no rexistro autonómico de acción voluntaria están inscritas 961 entidades mas que participan un total de 41.239 persoas voluntarias que día a día aportan o seu tempo e dedicación á mellora da sociedade.

O conselleiro explicou que as persoas que o solicitan reciben un certificado que acredita a súa experiencia voluntaria, e que sirve de recoñecemento das competencias adquiridas co obxecto de mellorar a súa empregabilidade e proxección de futuro no mercado laboral. No 2016 emitíronse 11 certificados e na actualidade xa contamos con 618, correspondentes a accións desenvolvidas ao longo do ano pasado.

10 de maio de 2018 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.