publicidade hoxe

A Xunta fomenta a mobilidade de mocidade a través do programa Galeuropa como vía para mellorar as súas competencias e empregabilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se establecen as bases do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

O programa, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, permitirá que mozos e mozas poidan realizar prácticas formativas non retribuídas de entre dous e tres meses de duración en empresas e entidades públicas ou privadas de 27 países europeos, como un elemento positivo que contribúe á mellora das competencias e habilidades dos mozos e mozas, incrementando as súas posibilidades de inserción laboral, ao tempo que dotará de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego.

Con esta iniciativa, a Consellería de Política Social pretende promover a mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas en entidades/empresas públicas ou privadas de países europeos, ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas, ou ben mediante a concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Incluído no Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, a distribución orzamentaria é a seguinte: 844.571 euros para as axudas de mobilidade individuais de mozos e mozas; 1,1 millóns de euros para a concesión de proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro; e 500.000 euros para a concesión de proxectos presentados por concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O prazo de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da orde de axudas no Diario Oficial de Galicia.

Poderán participar neste programa de mobilidade os mozos e mozas inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran coa condición de beneficiarios/as. Para ser beneficiarios/as do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil deben cumprir os seguintes requisitos: non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación; non ter recibido accións educativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación; e non ter recibido accións formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.

As prácticas formativas non retribuídas poderán realizarse en calquera empresa ou entidade pública ou privada dos 27 seguintes países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, República Checa, Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Suecia, Finlandia, Irlanda, Reino Unido e Dinamarca. O período de realización da práctica formativa rematará o 30 de novembro.
A contía da axuda por mozo/a establécese en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención, e axuda para apoio lingüístico (150 euros) para as mobilidades individuais. No caso de proxectos de mobilidade de concellos e entidades sen ánimo de lucro, o importe total da axuda inclúe para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida. Está previsto un anticipo do 80 % do importe da axuda.

A finalidade do programa de mobilidade trasnacional xuvenil é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/as mozos/as non ocupados/as e non integrados/as nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.

De conformidade co Plan de Emprego Xuvenil, a mobilidade, tanto nacional como europea, pode constituír un elemento fundamental na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio que pode supoñer na aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Desta maneira, a experiencia laboral no estranxeiro pode aportar un valor engadido á formación permanente dos mozos a á súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego.

18 de maio de 2018 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.