publicidade hoxe

A Xunta enxalza as primeiras melloras paisaxísticas realizadas no Pico Sacro grazas aos ‘Premios Galicia Parabéns’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañados polo alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández, visitaron hoxe as obras de posta en valor do Pico Sacro e a súa contorna, un dos proxectos galardoados na primeira edición dos Premios Galicia Parabéns cos que Turismo de Galicia recoñece o esforzo dos concellos galegos por impulsar o embelecemento de Galicia, a paisaxe e o patrimonio.

Como froito dos primeiros traballos realizados é visible xa unha mellora paisaxística importante tras a demolición de elementos de formigón na subida ao cumio e tras a limpeza da contorna e a plantación de árbores autóctonas. A visita serviu, ademais, para comprobar os avances que se están executando para reacondicionar o Centro de Interpretación do Pico Sacro e a substitución de estruturas por outras de tipo vexetal, na contorna do cumio.

“A protección e conservación de Galicia é unha tarefa que trascende a unha ou a outra administración, e un compromiso colectivo que estes premios saben recoñecer”, indicou Nava Castro durante a visita.

Xunto aos traballos realizados, o premio, dotado con 400.000 euros, tamén fará posible que o Concello de Boqueixón implante un novo sistema de sinalización mediante ferramentas tecnolóxicas e poña en marcha unha App móbil que dinamice a actividade turística desta zona estratéxica da Vía da Prata, un dos nove itinerarios do Camiño de Santiago, que demostra a crecente diversificación de fluxos na ruta xacobea e que está incluído na planificación do Plan director do Camiño de Santiago do Goberno galego para o ano 2019 No que vai de ano, este itinerario foi escollido por máis de 1.700 peregrinos.

Novo establecemento

Ademais de comprobar os avances no Pico Sacro e na súa contorna, a visita da directora de Turismo e do delegado da Xunta na Coruña incluíu a inauguración do primeiro albergue privado aberto neste concello coruñés e que completa a oferta aloxativa na Vía da Prata. O novo establecemento, a Raíña Lupa, ofrece preto de 20 prazas, conta con diferentes servizos para os peregrinos e demostra a iniciativa emprendedora turística neste concello.

Os Premios Galicia Parabéns alíñanse coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, que dedica case o 40% dos seus recursos ás iniciativas relativas á conservación da paisaxe, recursos naturais e sustentabilidade. Na súa primeira edición, o Goberno galego premiou, tamén ao Concello de Portomarín, polo seu proxecto para reordenar o Parque Agustín do Río. Turismo de Galicia convocou este ano a segunda edición destes galardóns, por unha contía global de 800.000 euros, cos que se distinguirá dúas novas iniciativas de embelecemento nos concellos galegos, que recibirán 400.000 euros cada unha.

14 de maio de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.