publicidade hoxe

A Xunta destina 67.500 euros a obras de conservación do patrimonio cultural no concello de Samos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSamos
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a levar adiante distintos traballos de mellora no patrimonio arquitectónico e cultural do concello de Samos, impulsando obras por un investimento conxunto de 67.500 euros en varios dos espazos históricos máis relevantes do municipio.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á capela do Salvador -tamén coñecida como capela do Ciprés-, na que estivo acompañado do responsable de Patrimonio da Diocese de Lugo, César Carnero, e onde puideron coñecer de primeira man os traballos que se están a desenvolver neste espazo

O delegado destacou que na capela estanse a realizar traballos de reparación de humidades, así como investigacións arqueolóxicas en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Froito deste labor, foron descubertos os muros dunha antiga construción anexa á actual, que ofrecen novos datos sobre a antiga configuración do contorno do Mosteiro de Samos. En concreto, o investimento na capela suma preto de 27.000 euros.

Igualmente, Balseiro explicou que nos últimos meses a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural actuou tamén na igrexa de San Silvestre do Freixo, reparando a cuberta, e ten en marcha un proxecto para a restauración da igrexa de San Martiño de Lousada. O delegado sinalou que a Xunta “segue coidando o patrimonio histórico e cultural, que é o mellor legado que deixamos ás xeracións futuras”.

9 de maio de 2018 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.