publicidade hoxe

A Xunta destina 1,8 millóns de euros para cofinanciar a pasarela que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na estación intermodal de Santiago

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta autorizou un convenio coa Adif e co Concello de Santiago para a execución da pasarela que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na futura estación intermodal de Santiago e que, do mesmo xeito, enlazará os barrios do Ensanche e A Pontepedriña.

Esta infraestrutura forma parte da primeira fase da obra da intermodal da capital galega, que inclúe tamén a construción da estación de autobuses.

No que se refire á pasarela, a Xunta achegará o 30% do importe das obras e as asistencias técnicas necesarias e as executará, ao Concello de Santiago correspóndelle outro 30% e se fará cargo da pasarela unha vez estea lista e Adif porá o 40% restante e supervisará o proxecto.

O importe total do convenio ascende a preto de 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegará 1,8 millóns, un importe que hai que sumar aos 10,4 millóns que investirá na construción da terminal de autobuses integrada. Deste xeito, o investimento total da Xunta na estación intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros.

Se ben aínda se descoñece a fórmula que escollerá o Concello para dotar a intermodal duns accesos adecuados, Feijóo expresou a confianza en que este cumprirá cos seus compromisos. Paralelamente, a Xunta irá perfilando o futuro da actual estación de autobuses, que se dedicará a usos administrativos dentro do complexo da Cidade de San Caetano.

24 de maio de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.