publicidade hoxe

A Xunta apoia ás asociacións veciñais para desenvolver proxectos que benefician aos seus usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEsgosLocal PortadaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita á Asociación de Veciños de Lobaces

Marisol Díaz na visita á Asociación de Veciños de Lobaces

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a Asociación de veciños de Lobaces, no concello de Esgos, onde reiterou o compromiso e apoio do Goberno galego coas entidades veciñais para que poidan acometer proxectos que benefician aos seus usuarios.

Díaz Mouteira indicou que este colectivo veciñal levou a cabo obras de mellora na súa sede e adquiriu equipamento de cociña grazas á orde da Vicepresidencia do pasado ano destinada ás asociacións veciñais, por un importe de 17.000 euros. A actuación consistiu na construción dun porche na parte traseira do local, ademais da adquisición de equipamento necesario para desenvolver tres cursos de cociña para colectivos diferenciados: nenos e nenas do concello, de idades comprendidas entre 6 e 13 anos; persoas da terceira idade; e homes.

Na convocatoria deste ano, que a Xunta resolveu recentemente, esta liña de axudas beneficiou a 22 asociacións da provincia de Ourense cunha achega global de 230.000 euros. Díaz Mouteira puxo en valor estas subvencións e enmarcounas na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e por todo aquilo que contribúa ao benestar dos cidadáns.

Ao abeiro desta orde, as entidades beneficiarias poden realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso; así como en camiños e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese dos habitantes da contorna, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles. 

16 de maio de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.