publicidade hoxe

A Xunta apoia 45 empresas do mar e do agro na internacionalización dos seus produtos no marco da feira Gourmets

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
As conselleiras do Mar e de Medio Rural no Salón Gourmets de Madrid

As conselleiras do Mar e de Medio Rural no Salón Gourmets de Madrid

A Xunta apoia un total de 45 empresas galegas dos sectores marítimo pesqueiro e agroalimentario na proxección internacional dos seus produtos no marco da edición número 32 do Salón Gourmets de Madrid. A consellería do Mar dá cobertura a 20 entidades da nosa comunidade no seu espazo institucional, mentres que Medio Rural integra outras 25 no seu stand.

As titulares de ambos departamentos, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez, percorreron hoxe a feira para apoiar coa súa presenza esta promoción da calidade alimentaria de Galicia. Ambas destacaron que esta feira constitúe un escaparate para darlle proxección aos produtos do mar e do agro nun escenario no que a alta gama é a protagonista.

A titular de Mar tamén puxo de relevo o valor da participación en certames deste tipo para mellorar a comercialización dos produtos do mar de Galicia e impulsar as súas exportacións. Neste aspecto, explicou que eventos coma este fan que se mellore a comercialización dos peixes e mariscos de Galicia. Tamén contribúen, engadiu, a que cada vez se aposte máis polas marcas de calidade como pescadeRías, que garante a frescura, a calidade, o respecto ao medio ambiente e o emprego de prácticas hixiénicas e de manipulación dos produtos pesqueiros procedentes da frota artesanal.

Neste sentido, a conselleira describiu este tipo de salóns como o espazo preciso para difundir a excelencia do produto do mar de Galicia e unha oportunidade para intercambiar experiencias con outros países sobre novas tendencias e retos de mercado nos produtos de calidade.

Ademais a conselleira animou ás empresas galegas do eido do mar presentes neste certame a aproveitar todas as oportunidades para mellorar a súa comercialización. Este eido, recordou Rosa Quintana, é unha prioridade da Administración galega co obxectivo de darlles o prezo que corresponde no mercado. De aí que a asistencia a feiras deste tipo sexa unha das liñas de acción da Consellería do Mar para introducir os produtos galegos en novos mercados e axudar ás empresas a expandir a súa actividade. De feito, este ano está previsto que a Consellería do Mar participe en 12 encontros deste tipo de ámbito nacional e internacional, expuxo a titular de Mar.

A maiores, a conselleira explicou que a Xunta tamén apoia a expansión das empresas do eido do mar a través das achegas para mellorar a comercialización. Nesta liña, lembrou que este ano se incrementou nun 40% o orzamento para este cometido en relación ao ano pasado e que acada os 9 millóns de euros.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou que a calidade, a comercialización e a internacionalización son os tres eixos sobre os que pivota a política de promoción agroalimentaria da Xunta, co fin último de manter un “rural vivo” e dinámico. Dixo ademais que Gourmets é unha “cita obrigada” para as nosas empresas, que están a vivir un “rexurdimento” tras unha época de dificultades, na que nunca renunciaron á “calidade, o esforzo e a profesionalidade”, o que lles permite vivir hoxe en día un importante despegue.

Gourmets

Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, bebidas e gastronomía. Esta edición celébrase do 7 ao 9 de maio e conta con preto de 1.600 empresas expositoras. É un salón que atrae a máis de 90.000 visitantes e que promociona arredor de 40.000 produtos.

A Consellería do Mar participa no salón cun posto institucional de 390 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas. Este posto alberga a 20 empresas e entidades pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado e da conserva. Ademais o posto conta cun espazo destinado a centro de negocios, no que as empresas poderán manter encontros para ampliar o seu mercado.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural dispón dun espazo de 325 metros cadrados con 25 coexpositores dos eidos vitivinícola, cárnico, lácteo e doutros subsectores agroalimentarios, como a horta. Neste salón, no que están representados todos os produtos de calidade do agro galego, tamén ten unha presenza destacada a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que acude cun posto propio e que vén de ampliar a súa actividade co selo de Vaca e Boi de Galicia.

8 de maio de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.