publicidade hoxe

A Xunta adxudica as obras de mellora integral da estrada OU-105 por un investimento de 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, por un investimento de case 600.000 euros.

Estas actuacións, que comezarán na segunda quincena de xuño, foron adxudicadas á empresa F. Gómez y Cia. O prazo de execución establecido é de 12 meses aproximadamente.

Esta mellora busca optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños. Así, acometerase unha actuación moi completa nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil e na reordenación do tráfico.

Levarase a cabo unha actuación no cruce de acceso a Seixalbo, habilitaranse carrís centrais de espera e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, para maior seguridade dos peóns. Disporanse pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica. Habilitarase un carril para bicicletas e melloraranse e completaranse as beirarrúas.

Esta obra de Seixalbo complementa a outras actuacións da Xunta, importantes para a cidade, tamén relacionadas coa seguridade viaria como a mellora da accesibilidade na avenida Otero Pedrayo, cun investimento de máis de 2 millóns de euros.

A Xunta continúa investindo en seguridade viaria co fin de incrementar a calidade de vida dos veciños e facer cidade.

24 de maio de 2018 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.