publicidade hoxe

A Policía Autonómica realiza 249 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 7 e o 13 de maio un total de 249 inspeccións de control en 22 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana, realizáronse 40 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Arteixo, Barbadás, Barro, Cambados, Culleredo, Lugo, Maside, Miño, O Carballiño, O Porriño, Oroso, Ourense, Poio, Ponteareas, Pontevedra, San Cristovo de Cea, Santiago de Compostela, Verín, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 85 persoas e inspeccionadas 249 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 35 actas de infracción, das cales 19 foron por venda de alcol, 15 por consumo de alcol, e 1 por venda de tabaco.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

15 de maio de 2018 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.