publicidade hoxe

A EGAP celebra o Día das Letras Galegas enxalzando a figura de María Victoria Moreno e o seu compromiso coa lingua

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou esta mañá as celebracións conmemorativas do Día das Letras Galegas cun acto literario dedicado a María Victoria Moreno ao que asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos.

Durante o acto, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a figura da homenaxeada, cualificándoa como “unha muller adiantada ao seu tempo, loitadora e fortemente comprometida co noso idioma”. Ademais, incidiu en que “pese a ter nacido fóra de Galicia, a súa fascinación pola nosa Terra e polo galego traduciuse nunha entrega absoluta á defensa e á promoción da lingua que marcaría tanto a súa produción literaria como a súa labor docente”.

A directora da Escola recoñeceu a influencia de María Victoria Moreno como unha das pezas fundamentais para o rexurdimento da literatura infantil e xuvenil nun momento no que este tipo de escrita non era frecuente. Segundo Sonia Rodríguez-Campos, “ela soubo ver a importancia de escribir literatura para os nenos e as nenas, xa que eles son o futuro da nosa Terra e, polo tanto, da nosa lingua. Obras coma Anagnórise ou Guedellas de seda e liño contribuíron de forma determinante a situar a devandita literatura nun lugar destacado e a poñer en valor o uso do noso idioma a través dunha redacción rigorosa e precisa á vez que atractiva para o público máis novo”.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos quixo destacar a actitude vital da escritora, que “a fixo merecedora do agradecemento e do respecto de todos nós, galegas e galegos de nacemento, e que lle levou a defender, eloxiar e reivindicar o noso idioma nunha época na que estaba totalmente afastado da esfera pública”. O acto literario dedicado a María Victoria Moreno seguiu co relatorio de Fina Casalderrey, escritora e académica da RAG, dedicado á vida da autora homenaxeada, e cunha actuación musical de Emilio Rúa.

Finalmente, a celebración das Letras Galegas na EGAP incluíu a inauguración dunha mostra de arte que recolle creacións do persoal empregado público. Esta exposición, dispoñible na Escola ata o 15 de xuño, está conformada por vinte e dúas pezas artísticas elaboradas con diferentes técnicas.

16 de maio de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.