publicidade hoxe

A autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño suporá unha alternativa real para mellorar a seguridade viaria da A-55

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a autovia de novo trazado entre Vigo e O Porriño que impulsa o Goberno de España suporá a alternativa real para mellorar a seguridade viaria na A-55.

Ethel Vázquez interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde destacou o compromiso do Goberno central de incluir a construción dunha autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño no Plan extraordinario de investimentos en estradas, tal como lle viña solicitando a Xunta co fin de proporcionar unha alternativa real e funcional para o reforzo da seguridade viaria e o elevado tráfico que soporta actualmente a A-55.

Trátase dunha nova autovía duns 10 km lonxitude cuxo trazado discorre na súa meirande parte en túnel, o que require dun alto investimento que se achegará aos 337 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira explicou que polo elevado custo e pola magnitude da actuación, o Goberno galego aproveitou a oportunidade e pediu a inclusión da mesma no PIC, que está a impulsar Fomento.

Vázquez Mourelle subliñou que a nova estrada tamén mellorará as comunicacións dun gran polo industrial de Galicia que conforman Vigo e a súa área, contribuíndo ao incremento da súa competitividade.

Lembrou que a Xunta, ademais de na construción desa nova autovía, tamén vén insistindo na necesidade de completar as obras de adecuación e mellora previstas na actual A-55, ao que o Ministerio de Fomento deu cumprimento o luns ao retomar os traballos, que suporán un investimento de case 6 millóns de euros.

Recordou que foi un goberno estatal socialista o responsable do deseño e execución da actual autovía A-55, cun trazado difícil, decidindo aproveitar a antiga estrada existente e desdobrala, é dicir, a N-120 que saía de Vigo, pasando por Mos cara ao Porriño.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda manifestou que a Xunta xa lle ten trasladado ao Ministerio de Fomento o seu interese polos descontos e as bonificacións para vehículos pesados nas vías de peaxe, do mesmo xeito que se ten priorizado a liberalización da taxa entre Vigo e Redondela, unha reivindicación empresarial e social, dos veciños da zona.

9 de maio de 2018 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.