publicidade hoxe

Xunta e Fundación do Fútbol Galego impulsarán unha competición inclusiva entre os centros educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do protocolo de colaboración

Román Rodríguez na sinatura do protocolo de colaboración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Real Federación do Fútbol Galego, Rafael Louzán; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a promoción dos valores da educación inclusiva, a convivencia e a igualdade a través das actividades deportivas. Ao acto asistiu a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez. Así mesmo, os responsables de ambos entes amosaron a súa disposición a traballar tamén en futuros acordos para a promoción do idioma galego.

Ao abeiro deste acordo, entre outras accións, impulsarase unha competición de fútbol inclusivo entre diferentes equipos de participación voluntaria por parte dos centros de ensino, promovendo a participación de nenas e nenos con diversidade funcional. Outra das accións salientables contempladas no protocolo é a organización neste mesmo curso escolar dunha Xornada de convivencia deportiva/fútbol inclusivo na que participen nais e pais, alumnado, docentes, futbolistas e árbitros. Neste marco desenvolveranse diferentes actividades como un mundialiño entre varios equipos, seminarios sobre boas prácticas no deporte e outras encamiñadas á promoción de valores positivos no deporte.

Ademais, ambas as partes colaborarán para confeccionar un decálogo de boas prácticas no fútbol, accesible a persoas con diversidade funcional, que se colocará nas instalacións polideportivas dos diferentes centros docentes; e difundirase nos centros e nas ANPAs a posibilidade de realizar unha actividade extraescolar sobre arbitraxe. Así mesmo, favorecerase a participación no programa eduMOTIVAcon de figuras sobresaíntes deste deporte, como árbitros, xogadores e adestradores, co fin de fomentar no alumnado valores como a motivación, a convivencia, a inclusión, o esforzo, a curiosidade, o pensamento crítico e o traballo en equipo.

En termos xerais, Consellería e Federación colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais, unidades didácticas e documentos que permitan fomentar a inclusión e os valores nas prácticas do deporte; e facilitarase o contacto da Federación cos centros galegos no ámbito da promoción de estilos de vida saudables.

Román Rodríguez salientou a importancia dos valores que se van transmitir a través das actividades vinculadas ao desenvolvemento deste protocolo, especialmente nos tempos actuais, nos que os xogos son cada vez máis individualistas. Así mesmo, lembrou que este acordo avanza en liñas estratéxicas da Consellería como son a inclusividade na escola, a mellora da convivencia, a promoción de hábitos saudables e o fomento de valores como o respecto e a tolerancia.

Pola súa parte, Rafael Louzán resaltou o compromiso social da Federación e do fútbol galego en xeral, reflexados en accións xa realizadas e sobre todo en este convenio co que pretendemos ensalzar todos eses valores positivos que emanan do deporte, e en particular do fútbol, como son o respecto, o compañeirismo, o esforzo, o traballo en equipo, a xenerosidade, os hábitos saudables… O presidente da RFGF agradece ao conselleiro a posibilidade que lle ofrece á Federación de poñer en marcha este proxecto de fútbol inclusivo e destaca que se faga a través da Fundación do Fútbol Galego, a cal foi creada recentemente precisamente para poder levar a cabo distintos proxectos de índole social dentro do noso fútbol.

18 de abril de 2018 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.