publicidade hoxe

Visto e prace á avaliación ambiental estratéxica simplicada para o proxecto de reforma na contorna da Panificadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de dar o visto e prace á avaliación ambiental estratéxica simplificada da Modificación Puntual do Plan especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello de Vigo, na zona da Panificadora. Así o informou o delegado da Xunta na área territorial, Ignacio López-Chaves, quen indicou que, ao considerarse que a actuación nesta contorna non terá efectos significativos no ambiente, non será necesario sometela á declaración de impacto ambiental ordinaria.

Tras sinalar que é obriga da Administración autonómica favorecer un uso sustentable do territorio e a protección do patrimonio cultural, o representante do Goberno galego apuntou que, non obstante, o proceso está suxeito a unha serie de determinacións. Trátase de medidas de protección, dixo, coma as recollidas no informe de consultas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que deberán integrarse no plan.

Entre elas, citou as referidas ao mantemento da pegada da estrutura tradicional do Casco Vello no tramo da rúa Santiago, que queda incorporada na praza Nova. Asemade, co fin de acadar unha axeitada integración paisaxística, recoméndase seguir as pautas contidas na Guía de cor e materiais dispoñible na páxina web da Xunta para a elección final da fachada.

Por último, o delegado fixo especial fincapé na proposta relativa á mobilidade na procura de responder á demanda de aparcadoiro público. Neste senso, as indicacións recollen unha dotación mínima acorde ás necesidades xeradas e, na medida do posible, que a súa implantación non vaia en detrimento da superficie destinada a zona verde ou equipamento.

Todas estas propostas recólleas o Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas, dependente da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, no informe ambiental estratéxico que se remitiu hoxe ao Concello de Vigo e que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Finalmente, López-Chaves explicou que a delimitación da Modificación Puntual abarca 10.686 metros cadrados de solo para novas dotacións no Casco Vello de Vigo, co obxectivo de protexer o conxunto da antiga fábrica da Panificadora. Substituiranse así os aproveitamentos lucrativos residenciais previstos no PEPRI vixente por un equipamento socio-cultural e espazos públicos. “Toda vez que xa recibiu contestación a avaliación ambiental o resto de trámites que restan correspóndenlle ao Concello de Vigo, que ten a competencia en exclusiva do desenvolvemento deste ámbito”, respondeu.

2 de abril de 2018 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.