publicidade hoxe

Rey Varela valora a posta en marcha da primeira plataforma de organizacións da infancia de Galicia

José Manuel Rey Varela na presentación da nova agrupación

José Manuel Rey Varela na presentación da nova agrupación

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu hoxe á presentación pública da Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia, a primeira agrupación neste ámbito que se pon en marcha en Galicia. Un total de 22 entidades forman parte desta plataforma que ten por obxectivo xeral a protección e promoción dos dereitos da infancia recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989 e cuxa posta de largo tivo lugar no Salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o conselleiro valorou o feito de que esta plataforma sexa “o resultado da unión dos esforzos das entidades coa finalidade de garantir con máis determinación os dereitos e intereses dos nenos, nenas e adolescentes. un obxectivo que é compartido polas administracións e que require da implicación de toda a sociedade”, engadiu.

Ademais, Rey Varela sinalou a importancia do traballo en rede, a colaboración e a coordinación para artellar mellores políticas sociais que fagan posible o pleno desenvolvemento dos menores, en especial daqueles que se encontran nunha situación ou risco de desprotección. Nesta liña enmarcou a próxima constitución do Observatorio Galego da Familia e da Infancia que está a impulsar o seu departamento autonómico e que nestes momentos ten avanzado o decreto que regulará o funcionamento deste organismo colexiado.

Así mesmo, o titular de Política Social avanzou que neste observatorio terán participación todos os estamentos da sociedade. “O obxectivo é avanzar ao máximo no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, unha tarefa que se ten que abordar de maneira transversal e multidisciplinar mediante a coordinación e cooperación de todos os axentes implicados”, apuntou ao respecto deste novo organismo.

Por último, Rey Varela subliñou a necesidade de que as políticas activas en prol da infancia conten coa achega de todos os colectivos sociais e, ao respecto, considerou que o futuro observatorio e esta nova plataforma de entidades “supoñen un paso adiante importantísimo en aras dunha maior eficiencia e eficacia na protección dos dereitos e na defensa dos nenos, nenas e adolescentes”, concluíu.

11 de abril de 2018 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.