publicidade hoxe

O Plan de transporte metropolitano de Pontevedra bonificará máis de 2 millóns de viaxes ao ano

Ethel Vázquez no encontro cos 12 concellos de Pontevedra

Ethel Vázquez no encontro cos 12 concellos de Pontevedra

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe un encontro cos 12 concellos da área que integrarán o Plan de transporte metropolitano, que bonificará máis de 2 millóns de viaxes ao ano, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, do que a Xunta achegará o 70 %.

Os municipios convocados para abordar a posta en marcha do plan son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.

A Xunta puxo hoxe a disposición dos municipios toda a documentación de cara a que a finais de 2018 os pontevedreses poidan beneficiarse do Plan de Transporte Metropolitano. Neste sentido, Vázquez Mourelle entregoulle aos representantes municipais o borrador de convenio mediante o que se articulará este plan social que axuda ás economías das familias, xa que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 euros ós usuarios frecuentes.

De xeito complementario, o Goberno galego tamén continua traballando para mellorar o transporte público na área de cara a 2019, data de caducidade das actuais concesións de transporte por estrada. Con ese obxectivo, neste mes sairá a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia, abrindo así o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

A conselleira subliñou a importancia de contar coas achegas e a colaboración dos concellos para abordar este proceso que culminará en 2019 coa posta en marcha dun servizo de transporte máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.

Ethel Vázquez tamén aproveitou para trasladarlle ao Concello de Pontevedra que este é o momento máis acaído para que active o transporte urbano, que ten a obriga de prestar e que permitiría facer o deseño a unha escala moito menor, permitindo ir máis ao detalle dando mellores solucións aos cidadáns.

Fixo fincapé en que con traballo conxunto, coa responsabilidade e colaboración de todos, poderase acadar un sistema de transporte máis sostible, con melloras substanciais no servizo, maior cobertura e tamén máis adaptado ao que demandan os veciños.

24 de abril de 2018 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.