publicidade hoxe

O Pladiga 2018 reforzará a súa estratexia na loita contra os lumes cunha folla de ruta conxunta cos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez en rolda de prensa

Ángeles Vázquez en rolda de prensa

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Pladiga 2018 reforzará a súa estratexia na loita contra os lumes cunha folla de ruta conxunta cos concellos para reducir os incendios e minimizar o seu impacto.

Na rolda de prensa do Consello, o vicepresidente da Xunta aseverou que tras ser sometido a consideración do Consello Forestal, tal e como é preceptivo antes da súa aprobación definitiva, o Pladiga 2018 actualizará a estratexia de loita contra os lumes en todas as frontes: na prevención, na vixilancia e extinción, e na sensibilización e colaboración cidadá; e incorporará importantes melloras organizativas e tecnolóxicas.

Segundo relatou o vicepresidente da Xunta, o obxectivo é ir dando cumprimento ao paquete de medidas que xa foron propostas no Parlamento. Algunhas xa aprobadas e en vigor, outras que serán incorporadas a este plan e outras que van máis aló das competencias da propia Administración autonómica e que hai que tentar pechar de xeito inmediato coa Administración local, que son “aliados imprescindibles na loita contra os lumes”, abundou.

Máis polo miúdo, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, detallou as principais novidades do Pladiga 2018. Entre elas, explicou que hai melloras nos eidos da prevención, a extinción, a vixilancia e a sensibilización e colaboración cidadá. Así, mencionou, por exemplo, as conversas coa Fegamp para acordar un cofinanciamento dos custes derivados da xestión da biomasa nas parcelas forestais próximas a núcleos de poboación. Tamén, que este ano, por primeira vez, se cubrirán o cen por cento das vacantes do persoal do dispositivo e que se contempla a posibilidade de ampliar o seu tempo de traballo.

Como melloras tecnolóxicas, a conselleira citou a dotación de 34 novas cámaras de vixilancia dos espazos forestais e a incorporación dun helicóptero que transmitirá imaxes e vídeo en tempo real, xeorreferenciadas. No eido da sensibilización, referiuse aos convenios de colaboración que se asinarán con cazadores e radioafeccionados para reforzar a vixilancia e alerta de incendios. Facilitou, así mesmo, as grandes cifras do dispositivo, que é idéntico ao do pasado ano, con máis de 7.000 efectivos en tempada de alto risco—que este ano se prolongará ata finais de outubro—, unha trintena de medios aéreos e 360 motobombas, entre outros medios de vixilancia, disuasión e extinción.

19 de abril de 2018 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.