publicidade hoxe

Medio Rural valora o compromiso da UE fronte a prácticas como a venda a perdas e a favor do equilibrio na cadea de valor do agro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia apoia as políticas europeas que buscan poñer freo ás prácticas comerciais desleais na cadea de valor das producións agroalimentarias, así como mellorar as condicións de transparencia do mercado e reforzar a cohesión dos agricultores. A Comisión Europea traballa actualmente nunha directiva con esta finalidade e co obxectivo de fortalecer a posición dos produtores na devandita cadea de valor.

Os contidos e o alcance desta norma comunitaria, actualmente en preparación nas instancias europeas, foron obxecto de debate hoxe en Madrid no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola, ao que asistiu, en representación de Galicia, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A conselleira sinalou que estas modificacións normativas concordan coas políticas impulsadas desde os gobernos galego e español, no sentido de fortalecer a posición de agricultores e gandeiros mediante a constitución de organizacións de produtores, un proceso fundamental para gañar forza dentro da cadea de valor, que abarca desde o agricultor ata o consumidor final, pasando pola industria e a distribución, entre outros elos.

Ángeles Vázquez valorou como especialmente importantes estas medidas para Galicia no ámbito lácteo e lembrou que a nosa comunidade lidera este sector dentro de España. De aí, dixo, que para os nosos gandeiros sexa clave un funcionamento correcto, transparente e equitativo da devandita cadea, de forma que os riscos se repartan de maneira máis equilibrada e que se potencien os contratos entre os diferentes axentes, ademais de mellorar a transparencia do mercado e a xestión de riscos.

Nesta mesma liña, a conselleira reafirmou o compromiso da Xunta na loita contra prácticas como a venda a perdas, para que non se produzan en ningún dos elos da cadea de valor. Trátase, dixo, de que esa cadea “teña valor para todos, pero sobre todo para a parte máis débil, que é o agricultor e o gandeiro”.

Outras medidas que puxo en valor, en relación cos cambios previstos na normativa comunitaria, teñen que ver con obrigas como a de efectuar os pagamentos, regulados por contrato, nun prazo máximo de 30 días e a prohibición de desbotar pedidos a última hora, para non prexudicar ao prestador dos servizos. Así mesmo, valorou positivamente que se controlen os produtos alimentarios que chegan de fóra da UE, de forma que estean tamén suxeitos ás boas prácticas que se esixen para os comunitarios.

Magnífico status sanitario

Por outra banda, a conselleira referiuse ao interese, compartido pola Xunta e polas instancias comunitarias, de preservar o magnífico status da cabana gandeira galega e, neste sentido, de limitar ao máximo posibles contaxios de enfermidades por parte de especies de fauna salvaxe, caso do xabaril, que na nosa comunidade, advertiu, está nunha situación de “sobre poboación” que convén controlar.

9 de abril de 2018 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.