publicidade hoxe

Máis de 330.000 galegos de 258 concellos terán acceso a internet de redes ultrarrápidas en 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

En 2020 máis de 330.000 galegos de 258 concellos terán acceso a redes ultrarrápidas, grazas ás iniciativas da Xunta e do Estado. O Plan de Banda Larga de Galicia, cun investimento de 14,2 millóns de euros, facilitará o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. As 258.000 persoas restantes beneficiaranse das medidas do Estado para chegar a núcleos de maior tamaño, cun investimento público de 21 millón de euros.

Coas estas actuacións en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias anunciadas polo Estado no marco do seu Plan 300×100. Esta iniciativa ten como obxectivo estender fibra óptica ao 100% dos núcleos de poboación de España cun investimento de 525 millóns de euros para o período 2018 – 2021.

A directora da Amtega, Mar Pereira, avanzou estes obxectivos durante a súa comparecencia na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta da evolución da Lei 3/2013, do 20 de maio de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta destacou que esta Lei foi unha das iniciativas clave de Galicia no ámbito das TIC, desde o punto de vista normativo, para facilitar o impulso e a extensión das infraestruturas de telecomunicacións na nosa Comunidade.

Pereira lembrou que coa aprobación desta Lei hai cinco anos Galicia converteuse na primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, que complementa a normativa estatal e evita a duplicidade de esforzos e investimentos nas administracións.

Lei galega de impulso ás infraestruturas de telecomunicacións

A Lei que se sustenta na coordinación, a planificación, e a anticipación para axilizar os despregamentos de telecomunicacións en Galicia, ten xa publicados tres decretos e hai cuarto adicional en marcha, que se prevé publicar neste ano 2018. Estes desenvolvementos normativos establecen as condicións axeitadas para un despregamento territorial áxil en estradas e edificios de titularidade autonómica, fogares e polígonos industriais.

No referente ás estradas autonómicas, a Lei garante a incorporación de canalizacións para as telecomunicacións en todos os proxectos de estradas de titularidade autonómica, evitando que se levanten as estradas en reiteradas ocasións grazas a unha mellor coordinación e planificación

En canto aos os edificios da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, a norma establece que conten coas infraestruturas necesarias para ofrecer uns servizos dixitais de calidade coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade

Con respecto aos fogares, o obxectivo da Lei é garantir que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort

No caso dos polígonos industriais, a Lei busca garantir que ningún novo polígono industrial se proxecte sen ter en conta a necesidade de acceder a redes ultrarrápidas, obrigando a incluír as infraestruturas necesarias para as conexións de banda larga de alta velocidade durante a fase de construción

Banda larga en polígonos, empresas e centros educativos

A extensión de fibra en núcleos de poboación é a terceira actuación do Plan de Banda Larga 2020, que se suma á de polígonos e á de axudas á empresas illadas do rural.

Este ano completarse a conexión de 81 polígonos industriais a redes de ata 350 Mbps, que sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas serán un total de 130 superficies empresariais, que representa o 93% da superficie empresarial ocupada.

Ademais, máis de 30 empresas de zonas illadas das catro provincias puideron conectarse a internet de entre 50 e 350 Mbps grazas á outra liña de axudas do Plan con case 400.000 euros tamén cofinanciados con FEADER.

No ámbito educativo, en colaboración co Estado, estase a desenvolverse a iniciativa “Escolas Conectadas” que está na recta final para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100 Mbps. Unha vez finalizada esta actuación, nos próximos meses, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria terán acceso a redes ultrarrápidas.

12 de abril de 2018 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.