publicidade hoxe

Galicia preside o novo grupo de traballo para a coordinación do Xacobeo 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Galicia presidirá durante os vindeiros dous anos o novo grupo de traballo (Grupo V) creado para promoción cultural e a difusión para o Ano Santo 2021. Así o acordou hoxe o Pleno do Consello Xacobeo na reunión que mantiveron no Palacio de Conde Luna. Ademais, a Xunta de Galicia propuxo a cesión da App Smart Camiño e un proxecto promocional preparatorio para o Xacobeo 2021. Trátase da participación cun stand propio, como Invitado de Honor, na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México) 2020.

No Pleno avanzouse en diversos acordos e iniciativas entre o Estado e as comunidades autónomas. Entre as principais decisións adoptadas figura a aprobación da proposta de acordos para a xestión do programa de beneficios fiscais que derivaría da declaración como acontecemento de excepcional interese público do Ano Santo Xacobeo 2021. Neste sentido, desde a Xunta propúxose que as datas dos beneficios fiscais comecen o 1 de outubro, para que algunhas das accións xa poidan ser abordadas este mesmo ano.

No desenvolvemento do devandito Pleno, informouse sobre diversos programas de fomento do coñecemento do patrimonio cultural vencellado co Camiño de Santiago e da importancia da súa conservación entre a mocidade, como ‘O teu Camiño de Santiago, patrimonio de todos’. Un programa formativo no que participan os seguintes centros galegos: o CEIP Otero Pedrayo de Rábade, o CEE Vilagarcía de Arousa,o CPI Progreso en Catoira, o CPR Nuestra Señora del Rosario de Arzúa e o CPR La Merced de Sarria.

Encamiñándonos cara ao Xacobeo 2021

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e vicepresidente da asemblea plenaria do Consello Xacobeo, Román Rodríguez, expuxo como posible iniciativa de promoción xacobea a participación conxunta de todas as comunidades autónomas do Consello Xacobeo na Feira Internacional do Libro de Guadalajara de 2020.

A proposta prevé traballar para que o Camiño de Santiago poida ser invitado de honor desa edición. “Esta acción ‒explicou Rodríguez‒ permitiría presentar na feira do libro máis importante do ámbito hispánico e iberoamericano a literatura, historia e patrimonio artístico e cultural creado ou inspirado no seo do Camiño. A FIL ademais é unha porta de entrada a outros mercados culturais e turísticos emerxentes da rexión latinoamericana. En calquera caso, hai que ser realistas. Cómpre confirmar a candidatura, elaborar o mellor proxecto posible, e confiar en superar un comité de selección, moi duro pola relevancia cultural da FIL.”

Por outra banda, o conselleiro de Cultura convidou ao resto de comunidades autónomas a sumarse durante o mes de xuño ao programa de actividades arredor do Camiño de Santiago. Unha programación para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural que se presenta durante o vindeiro mes estival como unha oportunidade para difundir e pór en valor o rico patrimonio xacobeo distribuído polas diferentes rutas, e que tería por colofón a celebración do XXV aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial, unha efeméride que está previsto conmemorar o vindeiro 10 de decembro en Santiago de Compostela e á que desde a Xunta se convidou a participar ao resto dos membros do Consello Xacobeo.

Así o manifestou logo de participar no pleno do Consello Xacobeo, que estivo presidido polo secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo, e ao que tamén asistiron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua e o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

Órgano para a salvagarda e impulso do Camiño

O Consello Xacobeo é o órgano de cooperación interadministrativa que ten por finalidade facilitar a comunicación entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas do Camiño de Santiago (Galicia, País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León) que, coa súa xestión, garante a protección e conservación do Camiño de Santiago, entendendo este como un ben en continua evolución, onde conflúen o patrimonio histórico, a paisaxe cultural e o patrimonio natural.

Pola súa banda, o Pleno decide actuacións para a delimitación, sinalización, trazado e mantemento do Camiño de Santiago en todos os seus ramais históricos; rehabilitación e conservación dos bens vinculados ao patrimonio histórico-cultural do Camiño de Santiago; actividades para a promoción do Camiño de Santiago e a súa difusión cultural e turística, nacional e internacional, con especial atención ás de asistencia ao peregrino; mellora paisaxística e ambiental da contorna e as actividades e as actuacións específicas en relación coa celebración dos Anos Santos.

9 de abril de 2018 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.