publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca o investimento de 1,7 millóns de euros en dúas sendas peonís e ciclistas en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 1,7 millóns de euros en dúas sendas peonís e ciclistas, na AC-552 en Carballo, para mellorar a seguridade dos desprazamentos dos veciños e “abrindo as estradas ás persoas”. A titular de Infraestruturas do Goberno galego supervisou hoxe o remate das obras da primeira das actuacións, a executada entre a zona industrial de Bértoa e o núcleo urbano de Carballo.

O novo itinerario peonil e ciclista na AC-552, no treito Bértoa- Carballo, vén a sumarse ás outras 2 sendas xa rematadas, a da Laracha-Paiosaco, e a de Xornes-Buño-Canta La Rana, que se puxeron en servizo o pasado mes de xaneiro. Todas elas forman parte do Plan de sendas de Galicia para a comarca de Bergantiños.

Segundo indicou a conselleira, a actuación no treito Bértoa- Carballo facilitará os desprazamentos dos veciños e contribuirá a unha mobilidade segura e sustentable, permitindo completar un itinerario continuo, pola marxe dereita da estrada, desde o parque empresarial ata as beirarrúas existentes no núcleo de Carballo. Precisou que esta senda ten un trazado de ancho variable (nalgúns puntos de ata 3 metro) e unha zona para bicicletas (de case 2 metros de ancho), dispoñendo ademais, dunha franxa axardinada. Tamén ordenouse o aparcadoiro ao longo da senda para evitar que a zona destinada a peóns e ciclistas sexa invadida polos vehículos. En paralelo ás actuacións da consellería, o Concello de Carballo acometeu tamén unha obra municipal de renovación dos servizos urbanos (gas, telecomunicacións, electricidade).

Nesta actuación, subliñou Ethel Vázquez, conseguiuse transformar unha travesía inhóspita e con dominio dos vehículos nun espazo máis amable para as persoas e moito mellor integrado na contorna. A intervención nesta nova senda supón un investimento de 1,1 millóns de euros, achegando a consellería o 70%, uns 760.000 euros.

A Conselleira tamén anunciou hoxe a licitación para este ano dun novo itinerario peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Carballo e Coristanco. Esta senda, que unirá Carballo e Coristanco, prevé facilitar o acceso á factoría de procesado de produtos do mar que está instalada nesa zona.

Vázquez Mourelle cifrou nun millón de euros o investimento neste novo treito na AC-552, estando prevista a súa licitación para este mesmo ano. O proxecto, indicou, xa está redactado e en fase de supervisión, atopándose en elaboración o proxecto que financiará e executará o concello, como fixo no treito de Bértoa.

Deste xeito, sinalou, a consellería está a investir 1,7 millóns de euros en Carballo, dotando aos veciños doutras 2 sendas que facilitarán os seus desprazamentos cotiás, permitíndolles transitar dun xeito máis cómodo e seguro polas marxes da estrada.

Vázquez Mourelle tamén falou do traballo que está a acometer o seu departamento, para facer realidade os outros itinerarios previstos no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Bergantiños. Ademais dos 3 itinerarios xa rematados, nos vindeiros meses se poñerán en servizo os dous en execución, Neaño-Cabana, xa moi avanzado, e o de A Laracha e O Cancelo, que estarán rematados no verán. E ao tempo se seguirá traballando nos 2 proxectos en supervisión, é dicir, o da senda Carballo-Coristanco e outra entre Laxe e o Paseo Marítimo

Estas intervencións do Plan de sendas, recolle a construción de 7 na comarca de Bergantiños, proporcionando aos veciños case 11 KM de itinerarios peonís e ciclistas, cun investimento total da consellería de case 5 millóns de euros. Estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

23 de abril de 2018 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.