publicidade hoxe

Covadonga Toca: “a formación adaptada ao novo contexto tecnolóxico é clave na prevención de riscos laborais”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe en Santiago, nunha xornada celebrada no IES Lamas de Abade sobre o estrés e os riscos sociais derivados das novas tecnoloxías, que a formación adaptada á nova era tecnolóxica é clave na prevención de riscos laborais. Na actividade, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e enmarcada nas actividades programadas esta semana para conmemorar o sábado o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, Toca sinalou a importancia de identificar os novos riscos derivados da transformación tecnolóxica e a Industria 4.0.

Así, indicou a necesidade de colaborar coa autoridade educativa para implantar en todos os ciclos e niveis de formación programas educativos de prevención de riscos laborais con fin de impulsar unha verdadeira cultura de prevención en beneficio da próxima xeración de traballadores e traballadoras. Ao respecto, apuntou que o novo modelo de Industria 4.0 trae consigo novos riscos derivados da utilización de novas ferramentas e métodos e das novas formas de organización.

Precisamente, o lema escollido este ano para conmemorar o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo é Xeración saúde e saudable co obxectivo de promover contornas de traballo seguras cara o 2030. Ademais, este ano, celébrase o mesmo sábado 28 de abril o Día Mundial contra o Traballo Infantil.

Na xornada organizada hoxe polo ISSGA, que estivo dirixida a alumnos e alumnas de FP de ciclo medio e superior das familias de Sanidade e de Imaxe Persoal, ademais de expoñer os principais riscos derivados do uso das novas tecnoloxías, tanto os relacionados co uso dos dispositivos móbiles como doutros aspectos vinculados coa tecnificación e a Industria 4.0, abordouse a importancia de impulsar unha cultura preventiva facendo referencia ás actividades que leva a cabo o ISSGA neste ámbito.

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego apuntou que o Plan de actividades 2018 do Instituto recolle, entre outros, actuacións de sensibilización do alumnado galego, o impulso da Escola galega de Prevención e a reedición da colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir formación sobre saúde laboral en 54 centros de Primaria, Secundaria e de FP.

Esta folla de ruta inclúe en global 74 actuacións divididas en 7 eixos e unha oferta formativa, que se impartirá en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

O Plan, enmarcado na Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, busca mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Para rematar, a responsable de Emprego apelou á coordinación e colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores, lembrando que para a Xunta a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade.

Outras actividades

Outras actuacións que está celebrando o ISSGA esta semana con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo son hoxe en Rande, en Pontevedra, unha xornada informativa sobre o laboratorio de referencia de hixiene analítica do Instituto e mañá na Coruña unha iniciativa centrada no impacto na xestión de prevención de riscos laborais.

Coa actuación que tivo lugar esta mañá en Rande, na sede do ISSGA en Pontevedra, iníciase unha campaña para dar a coñecer o laboratorio entre todos os axentes implicados na protección da saúde dos traballadores: servizos de prevención alleos, propios ou mancomunados, empresas privadas e administracións públicas. Na xornada informouse sobre os procedementos analíticos do laboratorio así como da listaxe de análises ofertadas, tanto ambientais como biolóxicas, e dos pasos a seguir para solicitar os seus servizos. O laboratorio que o ISSGA ten en Rande está especializado na realización de determinacións analíticas de mostras ambientais e biolóxicas procedentes da exposición a axentes químicos ambientais. A infraestrutura está dotada dunha avanzada tecnoloxía e de persoal altamente cualificado para garantir os resultados analíticos.

Pola súa banda, na iniciativa Idade e diversidade. Impacto na xestión de prevención de riscos laborais abordouse na necesidade de contar cunha boa xestión da seguridade e saúde no traballo ao longo de toda a vida laboral, ao tempo que se expuxeron as condicións psicosociais dos traballadores de maior idade. Tamén tratáronse as novas condicións relativas ao acceso ao traballo e a xubilación e presentáronse as actuacións en xestión da idade e interxeneracionalidade realizadas nunha peme.

26 de abril de 2018 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.