publicidade hoxe

‘Concellos rurais de Valdeorras II’ ofrece formación en conservación e mellora de montes a 20 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaCarballeda de ValdeorrasLaroucoLocal PortadaO BoloOurenseRubiá
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a desenvolver o obradoiro de emprego Concellos rurais de Valdeorras, promovido polos concellos da Veiga, O Bolo, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras. Esta iniciativa ofrece formación e traballo na especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes a 20 persoas desempregadas dos concellos participantes durante un total de 9 meses. O Goberno galego destina a este taller 280.000 euros.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá este obradoiro de emprego, acompañada de alcaldes de varios dos municipios que forman parte desta iniciativa de emprego.

Durante os 9 meses que dura o programa, os alumnos dedícanse a realizar traballos de roza da vexetación e mellora paisaxística en distintos puntos dos 5 concellos participantes. Así, actuarán na praia dos franceses, na Veiga; na praza de Freixedo e ruta das Covas, en Larouco; na contorna da piscina en no camiño Vianova de Rubiá; na pasarela peonil sobre o río Sil e no camiño de inverno ao seu paso por Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras; e, por último, na praza de Fornelos e na área de descanso de Outardepregos, no Bolo, que é onde están a traballar hoxe.

No que atinxe á provincia de Ourense, en 2017 a Xunta destinou máis de 4,6 millóns de euros a desenvolver na provincia de Ourense 19 programas mixtos de formación e emprego, dos que 5 eran específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil e xa foron clausurados. Na actualidade, se están a desenvolver na provincia 14 obradoiros xerais que benefician a 280 desempregados.

Obradoiros duais

A próxima convocatoria inclúe como novidade a posta en marcha dos obradoiros duais que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses máis. O investimento será de 30 millóns de euros durante este ano e o vindeiro, un 50 por cento máis que na convocatoria anterior, co obxectivo de mellorar a empregabilidade de 2.000 galegos, especialmente no eido forestal e en áreas vinculadas á posta en valor das rutas de peregrinación.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade, coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

26 de abril de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.