publicidade hoxe

Almuíña: “o Sergas reduciu os orzamentos destinados ao concertos sanitarios en 11 millóns nos últimos anos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reimarcou hoxe no Parlamento que o Servizo Galego de Saúde reduciu os orzamentos destinados ao concertos sanitarios en 11 millóns de euros nos últimos 10 anos, e defendeu que funcionan “como complemento ao sector público, que engaden valor ao sistema sanitario no seu conxunto e que contan con garantías de calidade asistencial”.

Almuiña destacou que o sistema do Sergas forma unha estrutura sólida que permite que calquera cidadán teña un recurso sanitario moi próximo a súa casa. No caso concreto da Coruña, a EOXI da cobertura sanitaria a 548.283 veciños de 36 concellos da provincia, un 23,3% maiores de 65 anos. A Xerencia xestiona un orzamento de 662 millóns de euros e nas súas instalacións traballan 7.500 profesionais.

Segundo o conselleiro, durante 2017 o tempo medio de espera para os pacientes con patoloxía de prioridade 1 na EOXI da Coruña, reduciuse en case 1,5 días, pasando de 17,2 días no ano 2016 a 16 días no 2017, moi por debaixo do obxectivo establecido en 30 días. Nas patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera situouse en 60,1 días, manténdose practicamente igual o número de pacientes en espera.

Na área de consultas externas o tempo medio de espera para ser atendido diminuíu de xeito significativo, afirmou Almuiña. En 2017 foi de 43,4 días, o que supón unha redución de preto de 10 días respecto ado ano anterior. En canto ao número de persoas que están á espera de ser atendidos en consultas externas, para unha primeira consulta de enfermidade, o número tamén diminuíu en máis de 1.600 persoas.

Con respecto ás vías rápidas, o titular de Sanidade destacou que o tempo medio para acceder atópase moi por debaixo dos 15 días que é o parámetro establecido polo SERGAS. A de cancro de pulmón está en 3,8 días, a de cancro de próstata en 9,4 días, a de cancro de mama en 1 días, a de cancro de vexiga en 9,7 días e a de cancro colorectal en 3,5 días. O conselleiro lembrou que toda esta actividade foi desenvolvida con recursos públicos.

Urxencias do Complexo hospitalario universitario de Santiago

O conselleiro tamén se referiu ás urxencias do CHUS, e remarcou que o cadro de profesionais está adecuadamente dimensionado para atender a demanda actual de urxencias. Cada facultativo de urxencias atende a 2.992 pacientes por ano que divididos entre os 220 días laborais supoñen unha media de 13,6 pacientes por facultativo e día. Segundo as Sociedades científicas tanto a Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (SEMES) como a ACEP americana estiman que se necesita un médico de urxencias por cada 4.445 urxencias/ano. Para Almuiña “ a nosa ratio de facultativo urxencias é sustancialmente inferior e a mesma ou parecida estimación pode facerse para o resto de profesionais”.

O servizo de urxencias do CHUS atendeu a 154.763 pacientes no ano 2017, o 80% (122.679) adultos e o 20% urxencias pediátricas (32.084 ). Isto supuxo 3.119 urxencias máis que no ano anterior, un incremento a expensas das urxencias de adultos onde se atenderon 3.435 pacientes máis que no 2016 (122.679 fronte a 119.244, un 2,88% mais).

En canto o tempo de asistencia, é dicir o tempo entre a entrada en urxencias e o primeiro contacto foi de 47 minutos no ano 2017 fronte a 51 no 2016, 4 minutos menos para a totalidade de pacientes atendidos na urxencia de adultos. Se falamos por niveis, os pacientes máis urxentes, de nivel I, atendéronse sen ningunha demora (cúmprese o estándar de 0 minutos). Os pacientes de nivel II tiveron unha espera media de 12 minutos ( estándar 10 minutos). Os de nivel III, tiveron unha demora media de 44 minutos, (estándar 60 minutos). Os pacientes de nivel IV cunha demora de 51 minutos (estándar 120 minutos) e os de nivel V, en 78 minutos de demora media (estándar 240 minutos).

O conselleiro non quixo rematar a súa intervención sen agradecer aos profesionais sanitarios o seu traballo e eficacia.

11 de abril de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.