publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública o proxecto para instalar unha planta de residuos no porto da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de someter a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para unha planta de recepción e pretratamento de residuos de buques no Porto da Coruña. Coa publicación do anuncio hoxe no DOG, os interesados terán 30 días a contar desde mañá para presentar alegacións ao proxecto, promovido por Limpieza marítima de óleos (Limpoil).

Cómpre lembrar que o pasado mes de outubro a Consellería de Medio Ambiente formulou o informe de impacto ambiental dentro do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificado sobre esta planta, ao considerar que non era necesario tramitar o proxecto pola vía ordinaria.

Durante o trámite de información pública que se abre agora, solicitaranse informes sectoriais á Consellería de Economía, Emprego e Industria, á Autoridade Portuaria da Coruña, a Augas de Galicia, ao Laboratorio de Medio Ambiente e ao Concello de A Coruña.

Unha vez pechado o período de consultas, valoradas as alegacións, suxestións ou observacións realizadas ao proxecto, e recibidos os informes definitivos dos diferentes organismos públicos, o órgano ambiental ditará a resolución que porá fin ao procedemento.

Obxectivo

Nestes momentos, a empresa Limpoil conta xa con licencia para a prestación de servizos de recollida de residuos líquidos e sólidos procedentes de buques no Porto da Coruña. Sen embargo, non os somete a pretratamento dentro das instalacións portuarias, senón que os traslada para que sexan tratados noutro lugar.

O proxecto para o que Limpoil solicita agora Autorización Ambiental Integrada pretende instalar no porto unha planta con capacidade para recibir os residuos dos buques, almacenalos e sometelos a un tratamento físico-químico para separar a auga do aceite. Tras este proceso, as augas xa tratadas verteranse na rede de saneamento municipal e os restos oleosos trasladaranse en camións cisterna a unha planta de tratamento autorizado.

Esta nova instalación, pensada para prestar servizo unicamente aos barcos que atraquen na Coruña, permitiría someter os residuos xerados a un pretratamento no propio porto, evitando así ter que transportar fóra unha gran cantidade de auga.

26 de abril de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.