publicidade hoxe

A Xunta reúne aos axentes e técnicos do operativo de extinción de incendios para deseñar medidas que melloren a eficacia na loita contra o lume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoqueixónLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Xornada de Coordinación en Emerxencias por Incendios Forestais

Xornada de Coordinación en Emerxencias por Incendios Forestais

O Centro de Experimentación Agroforestal de Sergude acolleu esta mañá as primeiras xornadas de Coordinación en Emerxencias por Incendios Forestais. A este encontro acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán.

A xornada acolleu membros dos distintos destacamentos da Garda Civil de Tráfico, da Policía Autonómica, Agrupacións de Protección Civil, persoal dos Parques de Bombeiros comarcais, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), bombeiros locais así coma a Gardería Forestal e Técnicos de SPDCIF da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural.

A xénese destas xornadas xurde tras constatar a crecente importancia da coordinación entre os diferentes organismos e administracións responsables das distintas emerxencias. Esta necesidade aumenta cando se trata de facer fronte aos grandes incendios forestais nos que a coordinación eficaz dos diferentes protocolos de actuación é unha das claves para actuar con rapidez e para evitar os danos tantos persoais como materiais.

O director Xeral de Emerxencias, Luis Menor apuntou que Xornada ten como obxectivo crear un foro cos responsables de SPDCIF, Garda Civil de Tráfico e Seguridade Cidadá e Servizo de Emerxencias, para expoñer cuestións relativas á estrutura, funcionamento e mobilización dos medios que compoñen estes organismos. Así como destacar os aspectos positivos e aquelas melloras a levar a cabo na coordinación de Incendios Forestais de cara a implantalas na campaña de incendios forestais deste ano 2018.

Luis Menor indicou que a experiencia dos diferentes colectivos servirá para mellorar a coordinación entre os diferentes profesionais implicados na resolución desta emerxencia. Incidindo nos aspectos positivos levados a cabo durante o ano 2017 como foi a creación dos diferentes Posto de Mando Avanzado, como punto de encontro e centro de coordinación da emerxencia nos que a través dos mandos dos diferentes organismos, Garda Civil, Policía Autonómica, Bombeiros, ou GES, que estiveron representados os diferentes organismos actuantes nos incendios forestais.

Pola súa banda, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, explicou que se está avanzando en materia de formación, porque na loita contra os incendios forestais resulta fundamental a formación do persoal. En primeiro lugar, destacou, para garantir a súa seguridade, que é o principal obxectivo da Xunta e, xa en segundo termo, para mellorar o servizo.

Ademais destas xornadas, a Consellería do Medio Rural fixo tamén un importante esforzo económico para a renovación dos equipos de protección individual e do parque móbil do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais, así como a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos no eido das TIC, completando así o paso da planificación analóxica á dixital, con todas as vantaxes que iso representa.

Ovidio Rodeiro destacou que este é o primeiro encontro destas características que se organiza na provincia e ten como obxectivo mellorar a coordinación e servir como intercambio de experiencias nun ámbito no que o traballo conxunto é prioritario para mellorar na eficacia e na prevención dos incendios.

O delegado territorial animou a tódolos asistentes a “trasladar as conclusións e reflexións deste encontro ao ámbito local, xa que estamos a falar dunha das problemáticas máis importantes á que temos que facer fronte en Galicia na época de seca”. Neste senso, sinalou que “a prevención e a coordinación son os piares sobre os que se sustenta a loita contra os incendios forestais”. Para Ovidio Rodeiro a loita contra os incendios é unha lacra na que toda a sociedade ten que involucrarse para previr e minimizar os seus efectos devastadores.

Os delegado territorial lembrou os obxectivos xerais e específicos (de control) que se marca o Pladiga 2018. Con carácter xenérico, se procurará reducir ao mínimo posible os danos ambientais, económicos e sociais producidos polos incendios, dentro dos recursos dispoñibles. Entre os fins de control atópanse os de manter o número de lumes maiores de 25 hectáreas por debaixo do 2% do total e o de reducir o número de incendios e a superficie queimada total con respecto á media dos últimos dez anos. Para acadar estes obxectivos o traballo nas melloras organizativas será unha das claves e por iso son tan importantes este tipo de xornadas como un punto de encontro para buscar solucións comúns a problemas comúns que se atopan tódolos axentes implicados na loita contra o lume.

26 de abril de 2018 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.