publicidade hoxe

A Xunta reforzará as inspeccións aos establecementos de restauración colectiva cunha campaña específica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, reforzará as actividades ordinarias de control oficial nos establecementos de restauración colectiva. Trátase da terceira vez que se realiza unha campaña especial deste tipo, xa que a posibilidade de facer este reforzo está recollido nos obxectivos específicos da inspección coa finalidade de mellorar e seguir avanzando na verificación do cumprimento da norma por parte dos operadores comerciais.

O persoal que realizará as visitas será o pertencente aos servizos veterinarios de saúde pública, adicándose en cada zona de inspección o 100% dos efectivos de cada zona veterinaria, de forma individual ou en equipos de dous inspectores.

Esta campaña especial realizarase entre o nove e o 20 de abril e estará destinada a reforzar as inspeccións en todos os establecementos de restauración social, establecementos de restauración comercial con comedor independente (restaurante, cafetería, buffet-autoservizo, servizo a domicilio, comida rápida, etc.), e establecementos de restauración comercial sen comedor independente (serven tapas, racións ou pinchos) e tamén naqueles establecementos non rexistrados que se detecten no transcurso da campaña.

Con esta campaña, Sanidade pretende verificar e actualizar os datos do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) no que, dende outubro do ano 2012, deben estar inscritos todos os establecementos de venda polo miúdo, e tamén verificar o cumprimento da normativa vixente. Así, especificamente os inspectores comprobarán: as condicións xerais de hixiene dos establecementos, a rastrexabilidade das materias primas empregadas (provedores autorizados e rexistrados), a non utilización de envases recheables (aceite ou augardente) e a verificación da orixe e etiquetado de bebidas alcohólicas así como a correcta información alimentaria facilitada ao consumidor.

9 de abril de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.