publicidade hoxe

A Xunta promove a integración laboral de persoas con síndrome de Down con prácticas formativas na administración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, e do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, realizou hoxe unha visita ás instalacións de Teima Down Ferrol, unha entidade que traballa en prol da mellora da calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e con discapacidade intelectual a través da integración e participación plena na sociedade.

O titular da carteira social anunciou durante o transcurso da mesma, a próxima colaboración da Xunta de Galicia coa asociación ferrolá consistente na sinatura dun convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto piloto consistente na realización de actividades de aprendizaxe e integración social e laboral de oito persoas con Síndrome de Down -seleccionadas por Teima- na Consellería de Política Social ou noutros departamentos da administración autonómica sitos en Ferrol.

“Trátase dun programa formativo que pretende dotar aos participantes das competencias e aptitudes necesarias para facilitar e mellorar a súa integración na sociedade e no mercado laboral, aprendendo e poñendo en práctica técnicas e ferramentas útiles para o desempeño profesional eficaz”, explicou Rey Varela.

Para a realización das actividades obxecto do convenio, a Consellería de Política Social achegará unha suma de 20.000 euros.

Así mesmo, durante o seu percorrido polas instalacións, o conselleiro tivo oportunidade de coñecer de primeira man os obradoiros que se estaban a levar a cabo neses momentos, de desenvolvemento de plans persoais, formación de monitores de comedor escolar e de competencias clave para o emprego, e nos que estaban a participar máis de dez usuarios.

“O emprego é a mellor fórmula de inserción social das persoas con Síndrome de Down” afirmou o titular autonómico, engadindo que a empregabilidade e a integración real e efectiva destas persoas na sociedade son metas compartidas con Teima e polas que a Administración autonómica traballa día a día.

Ao rematar a súa visita, Rey Varela agradeceu o labor diario da entidade así como dos familiares das persoas con Síndrome de Down, ambas partes piares esenciais do seu desenvolvemento persoal e profesional.

Cómpre destacar que o compromiso da Xunta coa empregabilidade das persoas con discapacidade faise visible na última oferta de emprego público da administración autonómica, que reserva un 15% das 3448 prazas convocadas para persoas con discapacidade tanto física como intelectual.

23 de abril de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.