publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta pon en marcha dous novos servizos dixitais que mellorarán o acceso á sanidade pública: Saúde Móbil e Contacte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha de Saúde Móbil e Contacte, dous novos servizos dixitais que facilitarán aínda máis o acceso á sanidade pública.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que Saúde Móbil, que xa está dispoñible para a súa descarga, engloba todas as aplicacións que xa ofrecía o Sergas: E-Saúde, Sigue, Urxencias Sanitarias de Galicia e Vacgal.

Deste xeito, a nova aplicación funcionará como xanela única para os servizos dixitais da sanidade pública galega. E permitirá coñecer as últimas novas relativas ao Sergas, ás redes sociais dos organismos que dependen da consellería e ofrecerá unha opción para recibir novas e avisos.

Pola súa banda, Contacte funcionará como canle única para realizar achegas ou reclamacións ao sistema público de saúde, dándose así un importante paso para canalizar as valoracións dos cidadáns sobre a atención que reciben.

Co lema Ti consultas, ti reclamas, ti suxires: nós respondemos, Contacte permitirá aos usuarios trasladar preguntas, críticas ou suxestións de maneira anónima ou identificada de modo dixital, sexa con certificado, co DNI electrónico ou con Chave365. Así mesmo, estará accesible na web do Sergas, na plataforma E-Saúde ou na app Saúde Móbil. E facilitará aos cidadáns levar un seguimento da tramitación da súa achega e realizar cambios.

Balance do uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía
Feijóo concluíu lembrando que, hoxe, xa máis do 40% dos galegos solicitan cita previa no centro de saúde a través de Internet, en lugar de facelo por teléfono ou de xeito presencial.

Diante da boa acollida destes servizos dixitais á Administración autonómica apostou por seguir introducindo novidades que faciliten a relación co Sergas a través de Internet, como por exemplo: a plataforma É-Saúde, que permite aos cidadáns xestionar as súas citas, revisar os seus tratamentos e coñecer a súa historia clínica e máis de 43.000 cidadáns empregan esta ferramenta de xeito habitual; Sigue, unha aplicación que xa rexistra 16.000 descargas e mellora a orientación dos usuarios a través dos hospitais Álvaro Cunqueiro e Lucus Augusti e recoller a quenda de espera; Urxencias Sanitarias de Galicia, que permite a consulta online cos profesionais do 061 e a localización de farmacias, centros de urxencias ou desfibriladores e que foi descargada 3.700 veces; e Vacgal, que facilita o seguimento do calendario vacinal de nenos e adultos.

12 de abril de 2018 | 16:50 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario