publicidade hoxe

A Xunta defende a necesidade de coordinación e complementariedade das políticas de cooperación para o desenvolvemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Alicante no XI Encontro de comunidades autónomas e cooperación para o desenvolvemento, onde defendeu a necesidade da coordinación e a complementariedade á hora de abordar a acción humanitaria exterior.

O obxecto destes encontros, nos que participan representantes das comunidades autónomas e da Administración Xeral do Estado, é xerar espazos de debate e reflexión sobre a cooperación descentralizada española para acadar unha maior coordinación e complementariedade.

Nesta ocasión, o debate centrouse nos retos do futuro da cooperación descentralizada, para reforzar o seu valor diferencial; así como na necesidade de avanzar nos procesos de coordinación entre os diferentes niveis da administración para cumprir os obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, que define o marco global para os próximos anos.

Ademais, abordáronse outros asuntos de interese como a colaboración cos axentes de cooperación, como as ONGD, as universidades ou os fondos locais; a cooperación técnica que desenvolven as comunidades autónomas; ou a coordinación de actuacións no eido da acción humanitaria.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores incidiu na súa intervención no compromiso de Galicia coa coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e co resto das comunidades autónomas. Neste sentido, reiterou a aposta da Xunta polo Fondo de programación conxunta da Acción Humanitaria creado no 2015 a través dun convenio asinado entre a AECID e varias comunidades autónomas. Está previsto que este convenio se renove este ano.

Ao respecto e sobre este Fondo, Gamallo puxo en valor que se basea nos principios de unidade de acción no exterior, de coherencia e harmonización de políticas; así como na coordinación interinstitucional e na complementariedade, valores todos eles que considerou que deben presidir a cooperación descentralizada.

Por último, Gamallo puxo en valor o recentemente elaborado IV Plan director da Cooperación Galega 2018-2021, tanto polo seu aliñamento coa Axenda 2030; como por outros dos seus obxectivos, como o reforzamento que realiza da identidade singular e o valor engadido da cooperación galega: tanto a nivel xeográfico, cunha atención específica aos países africanos de lingua oficial portuguesa, como a nivel sectorial, coa definición de cinco ámbitos estratéxicos de especialización.

26 de abril de 2018 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.