publicidade hoxe

A Xunta convoca aos concellos da área de Pontevedra o martes para abordar a posta en marcha do Plan de transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca para o vindeiro martes aos concellos da área de Pontevedra para abordar a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano. Na xuntanza, na que participarán a conselleira Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentaráselles aos municipios o proxecto previsto para o desenvolvemento desta iniciativa na comarca de Pontevedra, coas súas estimacións económicas e as repercusións para os usuarios.

Os municipios convocados para abordar a posta en marcha do plan son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.

O Goberno galego cumpre así co seu compromiso de estender este ano a Pontevedra o Plan de transporte metropolitano que xa funciona na Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo.

Cómpre lembrar que a área metropolitana de Pontevedra presenta a particularidade de que o concello de Pontevedra carece de autobús urbano propio, ao igual que o concello de Ferrol, polo que o servizo se presta con liñas interurbanas de titularidade da Xunta de Galicia.

Plan social de transporte

O Plan de Transporte Metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta de Galicia que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Este plan, que mediante o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Especialmente atractiva para os cidadáns é a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016: a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos. Dende a entrada en funcionamento desta iniciativa, lévanse emitido un total de 43.063 tarxetas.

19 de abril de 2018 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.