publicidade hoxe

A Xunta contrata traballos de mellora en dez colexios da Mariña cun investimento global de 190.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contratou traballos de mellora que beneficiarán a dez colexios da comarca da Mariña, cun investimento global de 190.200 euros.

Así o explicou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, durante as visitas que realizou ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Número 1 de Cervo e ao CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove, dous dos centros nos que se executarán obras de reforma.

O delegado estivo acompañado, entre outros, polos respectivos alcaldes, Alfonso Villares, e Demetrio Salgueiro; a xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación en Lugo, Mariña Gueimunde, así como polos directores de cada centro: José Ángel Riveira no de Cervo e Margarita Gutiérrez no de Xove.

En concreto, neste último colexio vaise proceder á remodelación da cociña e o almacén. Os traballos consistirán na retirada do chan e os azulexos dos espazos de cociña e almacén, formación de nova soleira de base para a colocación dun novo pavimento vinílico antideslizante e azulexado novo nas paredes, así como traballos de pintura e instalación dos electrodomésticos.

A obra inclúe tamén a execución de novas instalacións de saneamento, gas e fontanería así como a remodelación da instalación eléctrica. Conta cun orzamento de máis de 37.000 euros.

Polo que respecta á obra no colexio Número 1 de Cervo, ubicado en San Cibrao, vaise a construír no perímetro do patio unha nova soleira de formigón de 10 centímetros de espesor, formando unha nova canle de drenaxe nos laterais e procedendo tamén ao pintado das pistas deportivas. O investimento superará os 17.000 euros.

Balseiro explicou que estas obras realizaranse durante o verán, para non alterar a actividade lectiva. Igualmente, neste período vanse realizar traballos para completar o proxecto de mellora de eficiencia enerxética no CEIP da Pontenova, pintura exterior nos edificios do CEIP de San Miguel de Reinante (en Barreiros), o cambio de caldeira no CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, e varias reformas no CEIP de Covas e no Pedrosa Latas de Viveiro.

Así mesmo, a consellería arranxará a cuberta do pavillón do CEIP O Cantel, en Foz, cambiará parte do muro de peche do Gregorio Sanz de Ribadeo e construirá unha soleira para o parque infantil no CEIP Celso Currás de Trabada.

O delegado territorial subliñou que a Xunta “realiza un constante seguimento das necesidades dos centros educativos e programa obras de reforma e conservación co obxecto de manter as instalacións nas mellores condicións para o desenvolvemento da actividade lectiva”.

19 de abril de 2018 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.