publicidade hoxe

A Xunta constata un maior interese das empresas do eido do mar en acudir a feiras para expandir o seu mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Xunta constata un maior interese das empresas do eido do mar en acudir a feiras para expandir o seu mercado. Así o sinalou a conselleira do Mar durante a visita que realizou hoxe ás empresas galegas do eido marítimo-pesqueiro que se promocionan na 41ª edición da Feira Alimentaria, en Barcelona. Un evento, destacou, ao que nesta edición acoden cinco empresas máis da man da Consellería do Mar que na edición anterior, do ano 2016, ata acadar un total de 31 entidades pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado e da conserva.

A titular de Mar tamén puxo de relevo o valor da participación en certames deste tipo para mellorar a comercialización dos produtos do mar de Galicia e impulsar as súas exportacións. Un eido, subliñou, que no 2017 acadou cifras récord ao superar os 2.000 millóns de euros.

Neste sentido, describiu as feiras como un escaparate para dar proxección internacional aos peixes e mariscos de Galicia. A isto engadiu que a especialización de eventos como Alimentaria facilita a difusión da excelencia do peixe e marisco de Galicia e que supón unha oportunidade para intercambiar experiencias con outros países sobre novas tendencias e retos de mercado.

Ademais a conselleira animou ás empresas galegas do eido do mar presentes neste certame a aproveitar todas as oportunidades que se presentan, a difundir a imaxe dos seus produtos e a mellorar a súa comercialización.

Esa valorización dos produtos do mar, subliñou Rosa Quintana, é unha prioridade da Administración galega co obxectivo de darlles o prezo que corresponde no mercado. De aí que a asistencia a feiras deste tipo sexa unha das liñas de acción da Consellería do Mar para introducir os produtos galegos en novos mercados e axudar ás empresas a expandir a súa actividade. De feito, este ano está previsto que a Consellería do Mar participe en 12 encontros deste tipo de ámbito nacional e internacional, expuxo a titular de Mar.

A maiores, a conselleira explicou que a Xunta tamén apoia a expansión das empresas do eido do mar a través das achegas para mellorar a comercialización. Nesta liña, lembrou que este ano se incrementou nun 40% o orzamento para este cometido en relación ao ano pasado e que acada os 9 millóns de euros.

Alimentaria

Alimentaria é unha feira internacional de frecuencia bienal e de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, bebidas e gastronomía, líder en España e no arco mediterráneo. Esta edición celébrase do 16 ao 19 de abril e conta con preto de 3.940 empresas expositoras de 65 países e con 11.200 encontros de negocios programados.

A Consellería do Mar participa participa nesta cun posto institucional de 591 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas na área Expoconser. Este posto alberga a 31 empresas e entidades pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado e da conserva. Ademais o posto conta cun espazo destinado a centro de negocios, no que as empresas poderán manter encontros para ampliar o seu mercado.

18 de abril de 2018 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.