publicidade hoxe

A Xunta aposta polo Programa de integración familiar como vía para garantir o benestar dos nenos e nenas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, realizou esta mañá unha visita a un grupo de nais do Programa de Integración Familiar en Santiago que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Fundación Meniños. O PIF inscríbese na aposta da Administración autonómica pola atención aos menores, e responde ao compromiso de primar a reunificación ou preservación familiar sobre a tutela.

A titular do departamento autonómico coñeceu de primeira a situación de cada unha das usuarias así como a valoración que fan do programa e trasladoulles que “desde a Xunta traballamos para mellorar a situación socio-familiar e persoal dos nenos, nenas e adolescentes que tiveron que ser separados das súas familias e residen en centros de acollida ou con familias acolledoras”. Así mesmo, tamén destacou que se traballa na prevención con nenos e nenas e as súas familias aínda que non estean baixo tutela administrativa para evitar posibles situacións de separación familiar. No 2017 o número total de familias atendidas ascendeu a 191 en toda Galicia.

O proxecto traballa fundamentalmente en tres áreas. A primeira é a reunificación familiar con intervencións directas nos núcleos familiares de referencia do menor e que ten por obxecto de mellorar a situación social, familiar e persoal dos nenos, nenas e adolescentes que tiveron que ser separados das súas familias e están a residir en centros de acollida. Nesta área, foron atendidos 114 nenos e nenas que corresponden a 70 familias.

O segundo ámbito de actuación céntrase na preservación familiar, potenciando os recursos das familias e promovendo os cambios que eviten a separación do menor da súa contorna familiar. Os 172 nenos e nenas atendidos en 2017 neste campo corresponden a 95 familias.

E a terceira área na que se desenvolve o programa denomínase funcionalidade familiar e ten como finalidade que a familia poida romper a dinámica de deterioro e adquira a funcionalidade mínima necesaria para constituír unha referencia positiva para os nenos e nenas. Neste campo, no pasado ano, traballouse con 26 familias que contaban cun total de 40 nenos e nenas.

Amparo González lembrou que este mesmo mes de abril, o Consello da Xunta deu luz verde ao novo convenio de colaboración coa Fundación Meniños que garante a continuidade do Programa de Integración Familiar (PIF) do que, ao longo do presente ano, se beneficiarán ao redor de 200 familias e máis de 350 menores de toda Galicia. As principais novidades desta iniciativa son o aumento do orzamento e a incorporación dun técnico para reforzar a atención ás familias na provincia de Lugo.

Así, a contía total do programa para o presente ano ascende a 630.671,21 euros, dos que a Administración autonómica, a través da Consellería de Política Social, achega 443.500 euros que supoñen un incremento do 6% con respecto ao convenio anterior. Pola súa parte, a Fundación Meniños contribúe con 187.171,21 euros.

Ademais deste programa, o Goberno galego desenvolve distintos proxectos destinados a mellorar a calidade de vida dos nenos, nenas e adolescentes en situación de vulnerabilidade social como o acollemento familiar, o acollemento residencial, o programa de adopcións, as accións de inserción socio-laboral, os programas socio-educativos ou o programa de mediación familiar. O orzamento autonómico de 2018 continúa afondando no benestar das familias e da infancia e nas últimas tres anualidades o crecemento acumulado das contas desta área ascende ao 54% ata acadar un montante de 133,2 millóns de euros.

19 de abril de 2018 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.