publicidade hoxe

A Xunta apoia un programa integrado de emprego para mellorar as oportunidades laborais de 85 mulleres ourensás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reservou este ano, por primeira vez, unha porcentaxe do orzamento destinado aos programas integrados de emprego para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. Un destes cursos é o que desenvolve na provincia de Ourense a entidade CIMO con 85 alumnas. Un investimento total de 255.000 euros, dos que o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde achega 204.000 euros, permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou ás alumnas participantes neste programa, denominado Impulsa-T, e comprobou o seu desenvolvemento. As 85 mulleres participantes levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolven accións específicas de formación naquelas materias que escollan entre as ofertadas como técnicas de venda e almacenaxe ou operacións de cociña. Na actualidade, dentro do cronograma planificado, se está a impartir o módulo de formación na especialidade de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais que suma un total de 230 horas e da que obterán o certificado de profesionalidade as 11 as alumnas que elixiron esta especialidade formativa.

Trátase dunha iniciativa a través da cal as alumnas recibirán durante un ano formación para incrementar as súas oportunidades laborais e coa que se prevé que un 45% das participantes acaden a inserción no mercado de traballo. É unha das medidas postas en marcha polo Goberno galego a prol do emprego feminino, que segundo Díaz Mouteira demostra “o compromiso da Xunta na busca irrenunciable da igualdade e da inserción”.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

A Xunta este ano ten activos na provincia de Ourense 6 plans integrados de emprego nos que inviste case 1,2 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de máis de 500 persoas sen emprego.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

19 de abril de 2018 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.