publicidade hoxe

A Xunta achegou a 6000 escolares as representacións teatrais da obra ‘Pum, pum!’ no marco da campaña ‘37mil sorriSOS’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Valentín García no espectáculo en Pontevedra

Valentín García no espectáculo en Pontevedra

A Xunta de Galicia en colaboración coa compañía Baobab Teatro, levou hoxe a escena o espectáculo teatral Pum, pum!, unha obra que representa historias cotiás que lles acontecen aos menores e a través da cal se transmite a mensaxe aos nenos e nenas que asisten á función de que ninguén pode obrigalos a facer cousas que non queren. Ao espectáculo acudiu a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Deste xeito, clausúrase a xira iniciada no pasado mes de xuño e que percorreu as principais cidades galegas co obxectivo de chegar ao maior número de escolares, máis de 6000 logo do último pase desta mañá, segundo as cifras dadas a coñecer por González Méndez.

Esta iniciativa enmárcase na campaña 37mil sorriSOS, un proxecto que a Xunta de Galicia puxo en marcha o ano pasado e que ten como finalidade previr e detectar os abusos sexuais en menores, así como que aqueles que foron vítimas, poidan superar esta traumática situación.

Independentemente destas sesións teatrais, 37mil sorriSOS ten un carácter eminentemente dixital, xa que se divulga a través das redes sociais e da páxina web do departamento autonómico. Os destinatarios desta iniciativa son os pais e nais e os profesionais do ámbito educativo e sanitario, xa que eles adoitan ser os primeiros que detectan posibles casos de abuso. Todos eles, e calquera persoa interesada, poderá consultar o Protocolo INO, creado ao abeiro desta campaña e baseado en catro liñas fundamentais: previr, observar, manter a calma e moverse notificando e avaliando cada caso da man dun profesional especializado.

I Foro Vacínate contra os abusos

No marco do Día internacional da loita contra o maltrato infantil, a Xunta de Galicia celebrará mañá mércores o I Foro vacínate fronte aos abusos no auditorio municipal de Ourense. A xornada está dirixida a profesionais do mundo da psicoloxía, da educación social, da xustiza e da pedagoxía, así como a asociacións e colectivos que traballan con nenos, nenas e adolescentes e busca alertar dos abusos a menores para saber previlos e notificalos.

A xornada contará con tres áreas diferenciadas: psicoloxía, sociedade e unidade. Na primeira parte intervirán o catedrático de psicoloxía da sexualidade da Universidad de Salamanca, Féliz López, a Decana do Colexio de psicólogos de Galicia, Rosa Álvarez e a psicoterapeuta especialista en abusos, Elena Vander.

24 de abril de 2018 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.