publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achegou 95.000 euros para executar obras de mellora urbana e de infraestruturas na Rúa Grande de Celeiro, en Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaViveiro
A-
A+

A Xunta de Galicia sufragou con 94.860 euros as obras de reposición de infraestruturas básicas e mellora urbana executadas recentemente na Rúa Grande de Celeiro, en Viveiro, financiadas a través do Fondo de Compensación Ambiental que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Obras Públicas e Xustiza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata Celeiro para comprobar o resultado dos traballos, acompañado pola alcaldesa da localidade, María Loureiro, e o xefe territorial da consellería de Presidencia, José Manuel Rozas, entre outros.

As actuacións incluíron a substitución do pavimento e dos servizos de abastecemento e saneamento, así como outras melloras estéticas como a canalización do cableado da iluminación pública ou da telefonía que discorría polas fachadas e traballos para facilitar o futuro soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións.

A este propósito de mellorar a imaxe visual do entorno responde tamén o cambio de pavimento. Ao respecto, cabe destacar que a intervención afecta a un tramo da rúa de 75 metros de lonxitude -situado entre os números 70 e 96- e da continuidade a unha actuación anterior, polo que se colocaron baldosas de granito gris semellante ao utilizado no resto da rúa e do núcleo urbano de Celeiro.

No tocante ás obras de infraestruturas, consistiron na substitución total da rede de saneamento e abastecemento, aumentando a sección dos tubos e incluíndo unha rede separativa de pluviais para garantir o bo servizo da instalación.

Estas obras inciden no mellor funcionamento dos servizos urbanos para os veciños e veciñas da zona e tamén no maior atractivo dunha das vías principais de Celeiro, que comunica o núcleo urbano co porto.

José Manuel Balseiro destacou que o Fondo de Compensación Ambiental beneficia aos concellos que acollen parques e instalacións eólicas e está orientado a sufragar accións de mellora medioambiental. Neste sentido, indicou que este programa pon de manifesto o compromiso da Xunta co medio ambiente e co desenvolvemento equilibrado do territorio.

18 de abril de 2018 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.