publicidade hoxe

A segunda convocatoria do Programa Ignicia impulsará o acceso ao mercado de proxectos de investigadores que xeren rendibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha da segunda convocatoria do Programa Ignicia para impulsar o acceso ao mercado de novos proxectos de investigadores galegos que xeren rendibilidade.

Máis polo miúdo, Rueda explicou que a nova convocatoria do programa Ignicia, que contará un ano máis co apoio da Fundación Barrié, incluirá un investimento total de 3 millóns de euros ata 2020, completando o investimento total de 7 millóns ata o final da lexislatura que se comprometeu nun principio. Ata agora, destináronse en total 4 millóns de euros a iniciativas que permitiron crear ou manter 61 postos de profesionais de alta cualificación, así como poñer en marcha empresas de base tecnolóxica.

Como novidade, o vicepresidente da Xunta precisou que esta convocatoria introduce unha metodoloxía de avaliación previa de proxectos e tecnoloxías transferibles ao mercado. As iniciativas que se incorporen ao Ignicia terán o apoio dos técnicos desde o primeiro momento para orientar aos promotores do proxecto á hora de lanzalo ao mercado.

Segundo destacou Rueda, co Programa Ignicia, a Xunta asume unha parte do risco de cada iniciativa innovadora, pero tamén os seus posibles beneficios. Neste senso, lembrou que a primeira convocatoria lanzouse en 2016 e permitiu apoiar nove proxectos en sectores estratéxicos como as TIC, o aeronáutico, a biotecnoloxía.

Novos contratos posdoutorais

Non foi este o único acordo que adoptou hoxe o Consello en materia de I+D+i. Tamén se aprobou un investimento de máis de 9 millóns de euros para apoiar 71 contratos para investigadores doutores das universidades públicas, organismos públicos de investigación e outros centros do coñecemento. Sumaranse aos 171 investigadores posdoutorais que xa están traballando en Galicia.

Ofrécense dúas modalidades de apoio: unha vinculada á internacionalización e a especialización no estranxeiro (un contrato de dous anos para estadías fóra de España e un contrato dun ano en Galicia) e outra destinada á apertura de liñas de investigación nas universidades galegas, para renovar aos investigadores posdoutorais aos que se lles remata agora o contrato.

19 de abril de 2018 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.