publicidade hoxe

A Consellería do Mar difunde o distintivo de calidade internacional ‘Gold Anchor’ para os portos deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a difundir o distintivo de calidade internacional Gold Anchor para os portos deportivos galegos. Con esta finalidade o ente público que preside José Juan Durán organizou esta mañá en Santiago unha xornada informativa coa participación da directiva de TYHA, a entidade inglesa certificadora do galardón, á que asistiron máis dunha vintena de representantes de clubs náuticos e mariñas da nosa comunidade.

Na súa intervención, o director xeral de The Yacht Harbour Association (TYHA), o clúster británico da náutica que impulsa o distintivo Gold Anchor, Jon White, presentou as características do galardón, o de máis alto recoñecemento no mercado anglosaxón e todo o seu ámbito de influencia incluíndo o sudeste asiático e Australia. Así mesmo, indicou que en España actualmente só dúas instalacións contan con esta distinción e unha delas é galega, o porto deportivo de Combarro. Durante a reunión anunciouse ademais que o Monte Real Club de Iates de Baiona pasará proximamente a formar parte das instalacións certificadas.

Pola súa parte, o presidente de Portos de Galicia explicou que o ente público está a difundir as potencialidades deste distintivo entre os xestores náuticos galegos “entendendo esta certificación como un atractivo fundamental para a apertura de novos mercados e a atracción de navegantes anglosaxóns”. Para este fin, a administración portuaria mantén dende finais do pasado ano contacto recorrente con TYHA para definir o apoio preciso dende as institucións ás mariñas que queiran optar á Gold Anchor. “Deste modo non só se incrementa a calidade dos servizos e a súa certificación oficial, senón que se abren novas oportunidades de negocio con mercados nos que este distintivo resulta definitivo á hora de seleccionar as mariñas nas que establecer escalas nas rutas de navegación xa consolidadas”, concluíu Durán Hermida.

Cinco niveis de calidade

A certificación Gold Anchor, Ancla de Ouro, diferencia cinco niveis de calidade. No caso galego, segundo os primeiros contactos mantidos coa TYHA, os portos autonómicos optarían directamente á obtención da Ancla de Ouro nivel 3, dadas as súas características propias que distinguen ás mariñas da nosa comunidade. Os dous portos xa certificados, os de Baiona e Combarro, contan co nivel 5.

18 de abril de 2018 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.