publicidade hoxe

A Consellería de Cultura celebra o Día do Libro con actividades na rede de bibliotecas, museos e arquivos de toda Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O vindeiro luns, 23 de abril, celébrase o Día do Libro. A efeméride quere fomentar a lectura, a industria editorial e poñer o foco nos dereitos de autor e a propiedade intelectual. Para conmemorar esta data, as bibliotecas de xestión autonómica adscritas á Consellería de Cultura e Educación, así como algúns dos museos e arquivos dependentes deste departamento, desenvolven unha programación específica, dirixida á promoción do libro e da lectura.

Presentacións, conferencias, mostras e obradoiros

Mañá venres 20 de abril, ás 18:00 horas, a Biblioteca Pública de Lugo comeza as celebracións do Día do Libro coa presentación do poemario Destellos, de Ari Alonso. Pola súa banda, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación do libro Saltando Valados, unha edición trilingüe en galego, castelán e inglés que explica e analiza o programa Museo Aberto, no que se traballou con distintos colectivos sociais, como enfermos de alzhéimer, presos no cárcere ou persoas con discapacidade intelectual. O xoves 26, ás 19:30 horas, o escritor Suso de Toro impartirá unha conferencia titulada Dentro da literatura. Vai ser no salón de actos da biblioteca pública de Santiago e a entrada é libre ata completar a capacidade da mesma.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel ofrece dúas mostras bibliográficas ata o 30 deste mes de abril, Libros sen palabras para o público infantil e Líber, libros e liberdade ao longo da historia, que ofrece unha visión sobre a censura que afectou os libros ao longo da historia. Ademais, os días 23, 25 e 26 de abril, a partir das 18:00 horas, as nenas e nenos maiores de 10 anos poden participar no obradoiro Son encadernador, no que poden fabricar o seu propio libro en encadernación xaponesa, mentres aprenden a técnica e a súa historia.

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés expón ata o día 11 de maio a mostra Imaxe e palabra, organizada por Aspnais-Lugo, froito das achegas de 16 fotógrafos e 31 escritores. No vestíbulo, e ata o 30 de abril, pódense ver, ademais, as exposicións Premios literarios e Cervantes e o Quixote nos cómics. O sábado 21, a biblioteca acolle dúas sesións de Cans e letras, un programa de lectura con cans que atrae moito interese. Será ás 12:00 e ás 13:00 horas, con inscrición previa.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola centra as súas mostras en Cervantes. Ata o día 30 pódese visitar 4 en 42: Cervantes tamén ten nome de muller, que homenaxea as mulleres gañadoras do Premio Cervantes: Dulce María Loynaz, María Zambrano, Ana María Matute e Elena Poniatowska. A sala infantil acolle Nun lugar da Mancha… o teu primeiro Quixote, coas adaptacións da obra mestra da literatura castelán ao público máis novo.

A Biblioteca Pública de Ourense, o sábado 21 ás 12:00 horas, ten unha actividade de animación á lectura para nenos e nenas de 6 a 10 anos, Cazadores de libros, que os converterá en detectives para atopar libros perdidos. Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia albergará, o sábado 28, o obradoiro O dedo máxico, para cativas e cativos de seis a oito anos. É precisa inscrición previa na web www.cidadedacultura.gal.

Contacontos

Unha das actividades máis populares no ámbito das bibliotecas é a dos contacontos que conseguen atraer a atención dos máis pequenos e sementar neles o amor pola lectura. A Biblioteca Pública de Lugo comeza mañá, venres 20, ás 18:00 horas, con Contiario, de Pablísimo, unha colección de relatos para espertar a curiosidade polos libros. Está aberto a un público familiar. O sábado 21 de abril, ás 12.00 horas, na sala infantil da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, Ana Carreira contará Contos de tesouros, para nenas e nenos maiores de tres anos. Hai que inscribirse previamente na biblioteca. O mesmo día e á mesma hora, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrece para nenos e nenas de tres a 12 anos Imaxina que…a cargo de Ramiro Neira.

O Día do Libro, o luns 23, ás 18:00 horas, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acolle o espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques Vén a conto, de Raquel Queizás para nenos e nenas a partir de tres anos. O martes 24 de abril, ás 18:30 horas, a biblioteca de Vigo ofrece un novo contacontos, Carola, a carteira Centola e o sábado 28, ás 12:00 horas, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa Cores e persoas, da compañía Trinke Trinke, aberta a todos os públicos.

Intercambio, liberación e agasallo de libros

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal puxo en marcha o pasado luns e ata o Día do Libro unha campaña de liberación de libros polos diferentes espazos das súas instalacións. Calquera pode levalos e, unha vez lidos, deixalos nalgún punto da cidade. Mañá, venres 20, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o das Peregrinacións e de Santiago e o de Belas Artes da Coruña súmanse á campaña. Este último, ademais, amplía a proposta, coa organización dun intercambio de publicacións da propia entidade por outras que acheguen os lectores relacionadas coas áreas temáticas da súa biblioteca. O propio día 23, na Biblioteca de Galicia agasallan cun libro a todos os visitantes desa xornada e o persoal da biblioteca de Santiago recomenda lecturas a cada lector ou lectora para, ao día seguinte, sortear un lote de libros entre todos os usuarios que leven un libro en préstamo o día 23.

Outras actividades

O Día do Libro é unha magnífica ocasión para realizar visitas guiadas ás bibliotecas, ás 12:00 horas nas bibliotecas de Santiago, Vigo e A Coruña, que se repetirán ás 17:00 na Miguel González Garcés e ás 18:00 horas na Juan Compañel. A Ánxel Casal aproveita o día para convocar o VIII Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas, para nenas e nenos dos 3 aos 13 anos, cuxas bases se poderán consultar desde ese día na páxina web da biblioteca.

Esta programación especial con motivo do Día do Libro pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda Cultura.

19 de abril de 2018 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.